Site icon Crónica3.com A Mariña

Academia A Mariña impartirá en outubro un novo curso de vixiante de seguridade e escolta

Burela, 29 de setembro de 2015. O director da Academia A Mariña, Ramón Hermida, subliña a importancia que os estudos en seguridade privada terán e teñen na programación do centro. En dous anos, Academia A Mariña formou a 100 profesionais nas especialidades de Vixiante de Seguridade e Escolta Privado. Ademais, impartíronse sete cursos de Vixiante de Seguridade, un de Garda de Campo, Caza e Pesca, un de Instrutor de Tiro e dous de Escolta Privado. Na primeira semana de outubro dará comezo un novo curso de Vixiante de Seguridade e Escolta.

Hermida dixo que “se botamos unha ollada ao código nacional de ocupacións, notaremos que do mercado de traballo estanse descolgando algunhas por obsoletas, por perda da actividade debido á falta de demanda e que, con todo, están aparecendo outras que soben como a escuma. Referímonos á seguridade privada”.

O director de Academia A Mariña sinala que “non foi o nefasto 11 de setembro o que motivou a valoración desta nova área de traballo, senón que se debeu, sobre todo, ao cambio de mentalidade da sociedade de finais de século que estaba convencida de que a seguridade había que pagala e de que non se debe depender de persoal forzado e forzoso para garantir a convivencia. Isto motivou que desaparecese, por exemplo, o soldado de reemprazo e fóra substituído polo soldado profesional. Tampouco foi o regueiro de sangue de ETA o que deu brillo e esplendor á ocupación de escolta ou vixiante de seguridade”.

Ramón Hermida cre que “cando unha sociedade está equilibrada socialmente, sen extremismos económicos nin políticos, nace a sensación de que se vive mellor, o que leva a valorar a calidade de vida como un obxectivo a conseguir, como un ben común a repartir e conservar. De aí a necesidade de garantir, afianzar e protexer ese estado social. Non porque exista máis medo nin risco de perderse, senón porque se valora máis o que se ten. Ver, pois, máis Vixiantes de Seguridade en edificios públicos non é sinónimo de maior perigosidade, senón de cambio de valor do que gardamos e da quen protexemos. Non por atoparnos con seguridade privada en bancos e caixas significa que aumente o número de roubos, senón que a entidade empeza a comprender que ten maior valor quen deposita os diñeiros que o depositado en si mesmo”.

Academia A Mariña formou en dous anos a 100 profesionais nas especialidades de Vixiante de Seguridade e Escolta Privado. Se impartiron 7 cursos de Vixiante de Seguridade e Escola Privado, 1 de Garda de Campo, Caza e Pesca, 1 de Instrutor de Tiro e 2 de Escolta Privado: “o 90% destes novos titulados están traballando en seguridade privada. O resto, malia as ofertas que lles choven, manifestan non estar interesados por estar ocupados cun contrato estable. Calquera outra titulación, boa de seu, houbese tido maior dificultade para acceder ao mercado de traballo. E é que, os xacementos de traballo brotan e xorden en momentos conxunturais que hai que saber aproveitar. Como exemplo, quede este boom da seguridade privada”, subliña o director de Academia A Mariña.

As persoas interesadas en recibir esta formación e en obter máis información poden dirixirse ao 982 58 50 98.

Exit mobile version