Outra das actividades deste venres foi unha charla de educación viaria impartida pola Policía Local de Burela a alumnos de 4º da ESO do IES Monte Castelo, centrada na seguridade tanto en desprazamentos a pé, en bicicleta ou en ciclomotor. “Coas charlas de educación viaria, dirixidas tanto a alumnos de Primaria como da ESO, o Concello pretende que os máis novos entendan a necesidade de respectar as normas de circulación, como o casco, o cinto de seguridade ou cruzar correctamente, xa que o seu uso pode salvar vidas”, explicou a edil de Medio Ambiente.
Este sábado, 19 de setembro, terá lugar na praza da Mariña entre as 11:30 e as 13 horas Xadrez na rúa, de 13 a 14 horas no mesmo escenario haberá unha jam session e xa pola tarde de 17:30 a 18:30 horas taller de maquillaxe e globoflexia, impartido polas monitoras de Gaia.
O domingo, 20 de setembro, desde as 9 da mañá ata as 22 horas estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre as interseccións das rúas Curros Enríquez e Eijo Garay. Esa xornada haberá unha mesa informativa e recollida de alimentos a cargo de Mulleres en Igualdade; terá lugar a ruta Camiña por Burela, organizada por Pasada das Cabras e ás 13:00 horas na praza da Mariña terá lugar unha actuación da Coral Polifónica de Burela. Xa pola tarde haberá moitas actividades: Palillando na rúa, xogos deportivos ao aire libre, fútbol na rúa, talleres de manualidades e Dispara a gol, que é unha portería inchable de Burela FS e na que participarán os seus xogadores e xogadoras na praza do Concello. Ás 18 horas na praza da Mariña haberá unha merenda infantil patrocinada pola Acia de Burela, despois actuación de Batuko Tabanka, Aman e Rabentola.
As actividades da Semana da Mobilidade seguirán ata o 22 de setembro.