Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG A Mariña presenta emendas aos orzamentos do estado 2016 para aumentar o investimento en 10,4 millóns de euros

A Mariña, 5 de setembro de 2015.- O BNG mariñao trasladou ao debate no Congreso emendas aos orzamentos do Estado para 2016 para incrementar nuns casos e crear noutros, dotacións económicas por importe de 10,4 millóns de euros o que suporía un aumento nas previsións de gasto na comarca para o 2016 do 39,3% en relación aos investimentos previstos polo Estado en 2016 na nosa comarca. A formación nacionalista explica que coas previsións incluídas nos orzamentos elaborados polo PP non se van solucionar os problemas existentes na A8, a autovía de conexión entre Barrreiros e San Cibrao deixa sen un so euro de investimento o tramo de Burela e San Cibrao, non se van solucionar as graves deficiencias da estrada N642 entre Barreiros e San Cibrao e non se afrontan investimentos estratéxicos para a comarca como a apertura do dique norte de Morás ao tráfico comercial ou solucións nos accesos cara Asturias á A8 desde Ribadeo, así como outros investimentos que se veñen demandando historicamente desde a comarca.

O PP quere que paguemos con sancións de tráfico a solución definitiva aos problemas do Fiouco
Xoán Antón Estúa, Responsábel Comarcal de Organización do BNG mariñao, afirmou que as noticias para resolver os constantes cortes do tráfico na A8 “coa colocación de outro radar de tramo son un insulto á paciencia da xente da comarca e a constatación de que non existe intención ningunha mais alá de anuncios sen consistencia para ofertar unha solución definitiva aos problemas do tramo do Fiouco”. “O PP quere que as usuarias e usuarios da A8 paguemos con multas o desastre e ausencia total de planificación neste tramo da autovía que a propia veciñanza coñecía como problemático polas circunstancias climatolóxicas”.

O Estado non cumpre os seus compromisos coa comarca nin sequera en ano electoral
Mesmo nun ano electoral o PP non cumpre os seus compromisos na autovía de conexión entre Barreiros e San Cibrao, deixando unha parte dos 33kms. – entre Burela e O Castelo(Cervo) – sen redacción do proxecto construtivo, nin un euro de investimento. Tampouco atenden as graves deficiencias da N642 entre A Espiñeira e O Castelo mais alá dos 12 kms previstos xa nos orzamentos 2015 e que nin sequera se executaron.

O portavoz nacionalista explicou que ademais de reclamar maior investimento para as infraestruturas por estrada para a A8, autovía de conexión Barreiros-San Cibrao e N642, incluíronse emendas sen dotación orzamentaria para “accesos ao peirao de Ribadeo”, “saneamento integral do Río Masma”, “redacción proxecto de liberación do dique norte de Morás para o tráfico comercial”, “obras de adaptación do rego de Cachán en Riotorto”, “escavacións arqueolóxicas no castro da Atalaia en San Cibrao”, “accesos de Ribadeo á A8, dirección Asturias”, “Rota das cetáreas de Rinlo” e “rehabilitación como senda verde do tren mineiro entre A Pontenova e Ribadeo”.

Xoán Antón Estúa concluíu que na man das deputadas e deputados galegos do PP no Congreso está “decidir si defenden ou non os intereses da comarca e a súa veciñanza ou continuarán vendendo fume para que todo siga igual”, nun ano no que a xente terá a oportunidade de decidir entre esa procesión de caladiños ou un grupo parlamentar galego que defenda sen condicións os nosos intereses.

Exit mobile version