Candia garantiu que o executivo será dilixente no desenvolvemento daqueles servizos que constitúen un importante interese para a provincia e engadiu que o cambio de Goberno “nunha implicará a rotura con actuacións que repercuten no benestar das persoas que máis o necesitan”.
A presidenta da institución explicou que a visita ás obras motívase en coñecer de primeira man o estado no que se atopan as actuacións e comprobar que os acometidos se están a desenvolver dun xeito áxil e respondendo ao programado. “Dende a Deputación estamos a realizar os trámites administrativos oportunos para continuar co pago das anualidades tal e como estaba previsto e ante isto consideraba de interese ver a actuación e o destino dos fondos públicos”, matizou.
A Deputación de Lugo concedeu unha subvención excepcional plurianual ao Concello de Ribadeo para colaborar no financiamento dos gastos derivados do programa denominado ‘Centro de Atención a Persoas Maiores’. Para esta anualidade a achega é de 600.000 euros, mentres que para 2015 será de 200.000 euros.
A presidenta asegurou que a política do consenso, do diálogo e do traballo conxunto entre administracións constitúe a fórmula que ofrece un maior resultado para os cidadáns e esta é a liña de traballo que está a seguir o Goberno provincial, implicado tamén en procurarlle unha solución aos problemas que recibimos.
Por último, Candia resaltou a implicación do goberno da Deputación coas persoas que máis o necesitan. “Estamos a desenvolver unha xestión centrada, de xeito prioritario, no benestar, o que se puxo xa de manifesto coa toma de decisións como a do incremento dos fondos destinados á axuda no fogar ou ao pago íntegro do servizo de teleasistencia domiciliaria”, lembrou.