Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira considera a licitación da ampliación do Hospital da Costa unha moi boa nova para os mariñáns

Foz, 24 de setembro de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, considera que a licitación da ampliación do Hospital da Costa é unha moi boa nova para os mariñáns, porque é unha das obras máis demandadas na comarca.

“A valoración dende o Concello de Foz, como alcalde deste municipio, das boas novas que nos veñen dende a Xunta de Galicia pola licitación da obra de ampliación do Hospital da Costa, de Burela, é que é unha moi boa noticia para todos os focenses e para todos os mariñáns por ter conseguido o compromiso orzamentario e de contratación dunha das obras máis demandadas nesta comarca”, manifestou o rexedor focense.

Javier Castiñeira engadiu que “é o compromiso dun goberno da Xunta que é fiable, que non lle minte aos mariñáns e que ao final cumpre os seus compromisos coa saúde e co Hospital da Costa, de Burela. Hai que recordar que durante os últimos anos vimos tendo moi boas novas neste sentido: a creación da unidade de Oncoloxía, fundamental para o tratamento do cancro na nosa Mariña; a hospitalización a domicilio, importante tamén para moitas persoas; bos investimentos en equipamentos; e agora a maior inversión dos últimos 30 anos, despois da súa construción, que é a ampliación do Hospital da Costa”.

O alcalde de Foz rematou comentando que “estamos contentos e dámoslle os parabéns a todos aqueles que creron neste proxecto, a todos aqueles que axudaron a que isto sexa unha realidade. E tamén animamos a todos aqueles escépticos, catastrofistas, que durante varios anos nos estiveron abarrotando con malas novas completamente irreais, a que se sumen tamén ao éxito desta boa nova, porque en certo modo, para mellor ou para peor, tamén teñen certa contribución nisto”.

Exit mobile version