Site icon Crónica3.com A Mariña

Catro membros da Xeración galegoasturiana de 1936 protagonizan a Tribuna do académico correspondente Xoán Babarro

A Coruña, 7 de setembro de 2015.- Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro son dous dos autores máis sobranceiros da Xeración de 1936, creadores nados entre as décadas de 1910 e 1920, polo que nestes anos se celebran os centenarios do nacemento de moitos deles. Malia mostraren trazos singulares, o membro correspondente da Real Academia Galega Xoán Babarro tamén inclúe neste grupo autores galegoasturianos do mesmo período. Catro deles son Amador Fernández Mejeras (Ribadeo, 1913-1971), Alejandro Sela (Vilavedelle, 1911-Navia, 1982), Francisco Fidalgo (El Franco, 1913-Oviedo, 1998) e Ovidio Martínez (Boal, 1915-1945), aos que recorda na sección Tribuna da web da Academia.

No seu artigo, en dúas entregas, Babarro repasa a vida e obra destes escritores, producida nunha época na que “as xentes da cunca do Eo e terras veciñas estaban unidas por lazos afectivos, económicos e de costumes, sen a presenza de elementos autonómicos xebradores”. Fidalgo chegou a disertar en 1958, nun ciclo de conferencias en Tapia de Casariego, sobre “a quinta provincia galega no occidente de Asturias”, punto tamén abordado nunha entrevista do mesmo ano en El Faro de Tapia, sinala Babarro.

Mejeras, Fidalgo, Sela e Martínez foron colaboradores en distintos xornais e mesmo contribuíron á súa fundación. No ribadense Las Riberas del Eo chegaron a escribir os catro, e mesmo coincidiron varias veces dous no mesmo número. “Coñecidos e amigos, e tocados polo activismo cultural das Misións Pedagóxicas e da Biblioteca Popular Circulante de Castropol”, participaron tamén na mocidade en diversos actos literarios e na divulgación da lectura.

Máis adiante, malia utilizaren nos anos 40 a lingua do país, tamén se atoparán mediatizados pola nova situación política, que influirá en que opten maioritariamente polo castelán e mesmo, como fan Queipo e Mejeras, en que asinen afervoadas loas ao novo réxime, prosegue Babarro.

Amador Fernández Mejeras é o único dos catro nados en Galicia, no Concello de Ribadeo, mais residiu á dereita do Eo por razóns familias e laborais. Iniciouse na creación literaria no seminario de Mondoñedo, onde cadrou co poeta Díaz Castro, homenaxeado co Día das Letras Galegas en 2014. Mejeras, salienta Babarro, dominou os metros clásicos para plasmar recordos biográficos, o amor á terra e á muller amada ou a fidelidade aos amigos.

Sela, que asinou cos pseudónimos Fulano de Tal e El Tío Pepe, escribiu unha serie de narracións sobre temas etnográficos e de costumes. Mantivo correspondencia con Otero Pedrayo e foi fiel ao sistema dialectal familiar.

O San Froilán de Lugo, a obra de Gustavo Freire ou a romaría de Herbón son, pola súa banda, algúns dos temas sobre os que escribiu Francisco Fidalgo xunto a “infinidade de aspectos das terras de entre o Navia e o Eo”.

Ovidio Martínez, que exerceu como correspondente de prensa e publicou tamén en revistas de Cuba e Arxentina, fixo convivir na súa escrita, igual que Fidalgo, as variantes boalesas coas formas maioritarias. Dos seus escritos en galego salientan catro títulos dun ciclo de poemas dedicados a unha moza que tivo.

A Tribuna, unha mirada a lingua e á cultura a través dos académicos
Académico correspondente desde 2002, o escritor e lingüista Xoán Babarro (Maceda, 1947), dedica aos autores galegoasturianos as dúas últimas entregas da Tribuna, un novo espazo posto en marcha na web da RAG o pasado maio no que os académicos de número, correspondentes e de honra achegan ao público a súa ollada sobre temas de interese da actualidade galega ou das súas especialidades.

Babarro é experto na lingua e na literatura da franxa máis occidental do Principado. Doutorouse cunha tese titulada Galego de Asturias. Delimitación, caracterización e situación sociolingüística e é autor de Évos un amaicer guapo (Universidade de Vigo, 2007), obra na que afonda na poesías en galego en Asturias. Coñecido autor de literatura infantil, tamén ten neste campo presente o occidente asturiano en obras como Píllaras. Canciois del Navia ou A Princesa de Taramundi, obra galardoada co Premio Arume en 2009.

Exit mobile version