Chegaron ao goberno cargados de promesas: ían a deixar exentas da taxa municipal de recollida de lixo ás vivendas deshabitadas, feito que suscitou moita expectativa, pero que non foron quen de levar a cabo en 100 días. Todo iso a pesares de que o único que hai que facer é unha proposta de modificación da ordenanza fiscal, un trámite rápido e sinxelo que non leva máis de 15 minutos de traballo. Este foi o primeiro gran incumprimento dos socialistas laurentinos.
Á vez que as obras iniciadas polo anterior goberno popular van vendo a luz, (pista de pádel, chan de parqué do polideportivo, saneamento de Requeixo, levantamento da EDAR de San Xorxe, selado de pozos do saneamento de San Adriano, escollera da Tilleira, cambio do teito do ximnasio municipal, mellora do entorno do mercado gandeiro…) os veciños e veciñas observan a diario a ditadura, deixadez e desgoberno instalado no Concello de Lourenzá
Empezaron eliminando as redes sociais da institución: como nada tiñan que anunciar, mellor eliminalas a ver se, os veciños, non se dan conta de que non se fai nada. O punto de atención a infancia iniciou o curso escolar co seu cadro de persoal incompleto e os nosos gobernantes non foron quen de cubrir a baixa dunha traballadora que se prolongaba desde xullo. En pleno arranque da campaña da nova colleita de fabas, non se preocupan de poñer en marcha o mercado dominical e ten que ser o grupo municipal do Partido Popular o que lles recorde que existe un mercado e que é o momento de que arranque. Ata son incapaces de organizar a Festa da Faba, tirando de colaboradores externos para cerrar programa.
Nestes cen días o que si puidemos constatar é que en Lourenzá hai un alcalde na sombra. Nada se fai sen a súa aprobación e mesmo en días pasados puidemos ver o seu balance de cen días de goberno nun medio de comunicación. En só cen días usurpou este papel relevando a nosa alcaldesa a unha mera marioneta que presta a cara bonita e amable ao goberno, dicindo que si a todo e sen cumprir nada.
E cales foron os logros dos cen primeiros días? … segundo o alcalde na sombra redúcese a aprobación en solitario dun Regulamento de participación cidadá cativo e con visos de inconstitucionalidade, que venden como un regulamento da corporación cando foi froito dunha decisión unilateral do partido socialista elaborado de costas ás asociacións, as grandes prexudicadas pola norma que aprobou a dictadura de esquerdas que goberna en Lourenzá.
Céntrense señores, asuman o papel que lles deu o pobo e gobernen. Levan cen días de retraso.
Emma Alvarez Chao -Portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Lourenzá