Polo que respecta á primeira das iniciativas, e que se desenvolve dende hoxe ata mañá na Estación Cientifícia do Courel, trátase dunha xornada de convivencia na que os participantes adquirirán os coñecementos e pautas necesarias para a adquisición de habilidades comunicativas que permitan a optimización destes grupos de traballo. Para elo, a través de varias propostas en común, levarán a cabo diversas extratexias de cooperación para resolver calquer tipo de dúbida que lles poida xurdir. Trátase, en definitiva, de adquirir as habilidades necesarias para unha planificación eficaz que desemboque na execución do traballo de maneira colexiada e estruturada.
No encontro, que rematará mañá venres, ás 19:00 horas, participan tanto os alumnos do máster como profesores desta disciplina académica, e o director da ECC e catedrático de Botánica da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez.
Posta en valor da ECC
A través desta iniciativa, a Escola Politécnica tamén cumpre outros dos obxectivos previstos, que é contribuír á posta en valor a Estación Científica do Courel; o primeiro centro creado na zona sur da provincia e que dota aos investigadores das instalación e os equipos precisos para desenvolver os seus proxectos nas diferentes áreas relacionadas coa montaña luguesa.
As súas instalacións, inauguradas en 2010, comezaron a construirse no ano 2009 en Seoane do Courel, concretamente en terreos cedidos polos veciños á Universidade de Santiago de Compostela, e contaron cun orzamento que superou o millón de euros; cantidade que foi co-financiada pola propia Universidade e as consellerías de Industria e Medio Ambiente. Está situada nun punto estratéxico, pois permite acceder con facilidade ás áreas máis emblemáticas da serra, así como á principal vía de comunicación, a estrada que une os municipios de Pedrafita do Cebreiro e Quiroga.
Nos seus 900 metros cadrados, dispón dunha sala de conferencias con capacidade para 60 persoas, laboratorios de docencia e investigación, salas de estar e traballo, ademais dunha zona de residencia e cociña para oito investigadores.
Grazas tamén á colaboración da Deputación de Lugo, a Estación dispón tamén dun punto de información ambiental que funciona como Aula da Natureza, co obxectivo de complementar o labor do centro interpretativo da localidade de Moreda. Esta iniciativa inclúese no programa medioambiental do organismo provincial LugO2, cofinanciado con fondos europeos.
Principais zonas paisaxísticas de Lugo
Asemade, este sábado, o CACTUS acollerá o cuarto obradoiro participativo para a formulación do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que publicará a consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. A través desta iniciativa, que está aberta ao público en xeral, os participantes identificarán os principais recursos paisaxísticos da provincia, así como as zonas máis degradadas, e que poden ser obxecto de recuperación ou rexeneración. Deste xeito, no encontro, os participantes, a través dun Sistema de Información Xeográfica (SIX) localizarános puntos citados anteriormente.
Esta actividade, que se está a elaborar dende o IET (Instituto de Estudos do Territorio), dependente da administración autonómica, coa colaboración e dirección científica do LaboraTE, dará comezo ás 10:00 horas e rematará ás 12:30 horas, coas conclusións do obradoiro. A inauguración correrá a cargo do vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno, da directora do Instituto, Inés Santé, e do coordinador LaboraTe, David Miranda.
Lugo é o cuarto lugar de Galicia no que se desenvolve. Previamente, tivo lugar en Santiago de Compostela, As Pontes e Carballo, e continuará, por esta orde, en Burela, Becerreá, Viana do Bolo, Ourense, Xinzo de Limia, Ponteareas, Vigo e A Coruña. Doce puntos xeográficos, nos que quedarán identificadas todas as zonas e recursos paisaxísticos da comunidade.
A inscrición pode realizarse no enderezo electrónico atlaspaisaxe.iat@xunta.es, ou por teléfono, nos números 981.541.755/756. Así mesmo, toda a información tamén se pode consultar en www.somospaisaxe.org.