Ribadeo, 11 de setembro de 2015. Choferes da Mariña lucense e o Occidente asturiano participarán na primeira edición da Festa dos Condutores en Ribadeo que se desenvolverá este sábado 12 de setembro para celebrar a festividade do seu patrón, San Cristóbal. É un evento promovido pola empresa de transportes ribadense Miana Operadores que conta coa colaboración de Restaurante Casa Foguete, Mediastintas e Hiperauto.
O festexo comezará coa concentración dos vehículos participantes no aparcamento do restaurante Casa Foguete, da parroquia ribadense de Vilaframil, a partir das 16.00 horas. Para as 17.00 horas stá programada unha misa de campaña con bendición dos vehículos; seguidamente iniciarán unha procesión que lles levará por lugares como a praia das Catedrais ou o porto de Ribadeo para regresar á Casa Foguete, onde haberá unha espicha e ás 22.00 horas comezará unha cea baile amenizada por unha orquestra e unha discoteca móbil. Dispoñen de carpa e ademais haberá colchonetas e camas elásticas de balde para os nenos e nenas. O prezo do menú é de 25 euros por persoa e para os nenos ata 10 anos é gratuíto.
O responsable de Miana Operadores, Miguel Ángel Martínez Ríos, explicou que a iniciativa xurdiu da súa empresa e que decidiron organizar a primeira Festa dos Condutores en Ribadeo para esta data, o 12 de setembro, en vez do día no que se celebra a festividade de San Cristóbal, o 10 de xullo, porque “nesa época non podemos facela pois estamos traballando na campaña do amorodo e este sábado foi a data máis adecuada que atopamos por varios motivos, entre eles os permisos de Tráfico que necesitamos para facer a procesión”.
Os organizadores estiman que na concentración e procesión de vehículos participen “entre 80 e 100 camións de todas as empresas que queiran asistir”. Tamén comentaron que “aínda é posible inscribirse para a cea baile porque quedan algunhas prazas libres”. Os interesados deben apuntarse no propio restaurante Casa Foguete.