Site icon Crónica3.com A Mariña

Cita coa tradicional Romaría da Santa Eufemia no burgo de Trasbar o 16, 19 e 20 de setembro

Trasbar, 08 de setembro de 2015.- Un ano máis o burgo de Trasbar, en Cervo, celebrará a tradicional Romaría da Santa Eufemia, unha cita coa súas festas patronais que inclúe un variado programa de actividades que se desenvolverán durante tres días: O mércores 16, o sábado 19 e o domingo 20 de setembro.

Tres días de festa
Os actos comezarán o mércores 16 de setembro, coincidindo coa festividade oficial, celebrarase a romaría da Santa Eufemia. O programa inclúe unha misa ás 13.00h, cantada polo grupo de voces Sons de Celeiro. Ao remate da misa, todos os devotos que queiran poden achegarse a poñer a Santa. De seguido, terá lugar a actuación do grupo de gaitas Nova Semente de Celeiro, cortesía do programa Musiqueando da Deputación provincial.

Na fin de semana os actos comezarán o sábado, ás 07.00 horas, coa elaboración da alfombra floral. A misa será ás 13.30 horas, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e sesión vermú. Xa pola noite, as orquestras Magos de España e Fénix serán as encargadas da verbena. Logo de rematar o baile, haberá caldo gratis.

O domingo a misa será ás 13.15 horas, cantada polo coro de Cervo, seguida da procesión e a sesión vermú a cargo da orquestra La Oca, que tamén será a encargada de amenizar a verbena pola noite.

Recuperación da tradición
A asociación de veciños inclúe no programa un xantar campestre nas inmediacións da capela e, ás 17.00 h, unha peregrinación á antiga capela da Santa Eufemia xa que “queremos recuperar a romaría da Santa Eufemia de antano, cando a xente viña andando ata a capela e xa quedaban a xantar en Trasbar”.

A organización agarda que este impulso á recuperación da tradición teña unha boa acollida e poder contar con máis romeiros en cada edición.

Agradecementos
Dende o colectivo veciñal apuntan que a organización desta cita festiva se incorpora como unha actividade máis da asociación, da que ofrecerán a correspondente rendición de contas aos socios, tal e como se fai con todas as actividades que levan a cabo. Agradecen moi especialmente o gran esforzo económico que fan os veciños de Trasbar, así como a axuda de empresas e establecementos que colaboran (de xeito económico ou mercando rifas) e, tamén dun xeito especial, do Concello de Cervo.

*Foto: presentación do cartel a cargo de integrantes da Xunta Directiva da AAVV Burgo de Trasbar: Miguel Díaz (ausente), Arancha Gadea, Maricarmen Alonso, Julio Lamelas (ausente), Geni Piñeiro, Jose Alonso e María Díaz.

Exit mobile version