Site icon Crónica3.com A Mariña

Comunicado da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, en relación co Día Mundial do Alzheimer

Viveiro, 25 de setembro de 2015.- O 21 de setembro celébrase o Día Mundial do Alzheimer, un evento instituído pola Organización Mundial da Saúde e auspiciado por Alzheimer´s Disease Internacional en 1994; con este motivo, a Confedereción Española de Asociacións de Familiares de Persoas con Alzheimer (CEAFA) e outras demencias organizou numerosos actos co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre esta enfermidade e as súas consecuencias e de desenvolver unha campaña de educación sanitaria dirixida a promover a prevención desta patoloxía. Neste contexto, o pasado luns, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro tamén saíu á rúa instalando mesas informativas nas distintas rúas da localidade para dar a coñecer esta enfermidade e prestar información e asesoramento a quen o solicitase.

O alzheimer é un problema socio-sanitario de primeira magnitude, a “epidemia do século XXI”; unha enfermidade especialmente dura, triste e cruel cuxa dependencia afecta non só á ao enfermo, senón tamén á súa familia. Unha enfermidade na que queda moito camiño por andar e na que é necesario aunar esforzos para tratala dende distintos puntos de vista -investigación, axudas, capacitación dos axentes socio-sanitarios, etc.- e, entre todos, como propón a CEAFA, avanzar xuntos na abordaxe integral do Alzheimer para lograr unha efectiva Política de Estado.

Neste sentido, quero aproveitar a celebración desta data para agradecer publicamente á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Viveiro polo seu traballo, compromiso e dedicación, polos esforzos realizados para mellorar a calidade de vida dos viveirenses afectados por esta doenza e das súas familias, prestando asistencia psicolóxica e ofrecendo servizos e apoio e respiro familiar. Dende o concello de Viveiro, convencidos da gran labor desenvolta e comprometidos coa causa, conscientes dos efectos desta doenza, vense colaborando con esta asociación mediante recursos humanos e materiais para a prestación dun servizo do que se benefician tanto os propios enfermos coma as súas familias, incluíndo nesta colaboración, entre outras cuestións, a autorización de uso dunha parte das dependencias municipais sitas nos Claustros de San Francisco ou os alimentos que se lles proporcionan aos pacientes mentres están no servizo.

Quero, finalmente, deixar constancia do compromiso que a administración que represento mantén con esta doenza, animando a que todos nos impliquemos para avanzar xuntos cara unha mellor calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e dos seus familiares.

Exit mobile version