Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello, ACIA e a Confraría de Pescadores de Burela traballan nun proxecto para explotar o turismo mariñeiro o vindeiro verán

Burela, 1 de setembro de 2015. Concello, Acia Burela e Confraría de Pescadores estudan poñer en marcha un proxecto de turismo mariñeiro de cara ao vindeiro verán co obxectivo de potenciar o mar e os produtos que nel se poden pescar. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, subliña que “o que queremos é loitar para que esa actividade estea ben regulada e non supoña un risco nin para os turistas nin para os mariñeiros”. O proxecto consistirá en ofrecerlles aos turistas a posibilidade de saír faenar durante unhas horas e que incluso despois poidan levar o peixe capturado para cociñar nun restaurante de Burela e saborear así os produtos do mar.

Na rolda de prensa celebrada hoxe no Concello o edil socialista explicou que “o obxectivo é dar a coñecer o tremendo interese que temos dende Concello, Acia e Confraría para a darlle un pulo ao turismo mariñeiro, xa que cremos que vai ser unha cousa importante de cara ao turismo no noso pobo. O obxectivo é que se establezan as medidas legais correspondentes para que o turismo mariñeiro se realice dun xeito legal, que é o que piden tanto o sector como o Concello, con todas as garantías de seguridade tanto para os turistas, que decidan facer esta actividade, como para os mariñeiros que decidan levar esta xente a faenar ese día e ensinarlles como fan a súa labor. De momento non está moi regulado e a nosa intención é pelexar para que se regule”.

Ramiro Fernández subliñou que “o potencial do noso mar témolo a medio explotar e queremos explotalo dunha maneira definitiva para que sirva de riqueza para o concello, tanto como para os hostaleiros como para os mariñeiros”. E engadiu que “estamos en contacto tanto a Confraría como o propio Concello e mesmo Acia con xente do sector. Evidentemente para eles sería unha boa medida que lles axudaría en épocas nas que o traballo do mar é un pouco menor. Axudaríalles a facer máis rendible se cabe a súa embarcación. O que se ten pensado é que a xente puidera saír facer unha faena de menos duración que a normal, traer o peixe que se pescara a restaurantes do pobo que puideran cociñar ese peixe e que o propio turista fose o protagonista comendo o peixe que el mesmo pescara. En torno a iso, facer un movemento turístico que abarcase a zona de Absa, a zona da Confraría de Pescadores, que ten un arquivo histórico moi interesantes, dar a coñecer o oficio das redeiras e mesmo facer visitas a xacementos que temos aquí no pobo”.

O proxecto foi presentado este martes no Concello. Ao acto asistiron o presidente da Confraría de Pescadores, Basilio Otero; o presidente de Acia Burela, Rubén Pinín; o alcalde, Alfredo Llano; e o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández.

Exit mobile version