Site icon Crónica3.com A Mariña

Conde subliña que a Xunta ten defendido sempre un marco que garanta a competitividade das empresas electrointensivas galegas

Santiago, 30 de setembro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou este mércores no Parlamento que a Xunta de Galicia ten defendido “sempre” a necesidade de acadar un “marco que garanta a competitividade das empresas electrointensivas galegas”. Unha postura compartida e trasladada, segundo explicou, ao Comité de Empresa de Alcoa en diferentes ocasións, “a última vez hai só unha semana”.

Neste marco, o conselleiro sinalou que o Goberno galego “seguirá a traballar, tal en como ten feito ata o de agora, para que o sistema mellore”. Este esforzo, proseguiu, tense materializado en feitos contrastados como a consecución dunha segunda poxa en 2014 coa que Alcoa acadou a retribución necesaria para este ano, garantindo a súa actividade e os postos de traballo; que este mesmo ano se adiantara a poxa para que as empresas teñan tempo de coñecer a súa retribución e planificar os seus proxectos; ou que se mantivesen os mesmos fondos para a retribución da interrumpibilidade.

Así mesmo, o titular de Economía e Industria salientou que a Xunta ten apoiado a Alcoa en todos “os proxectos desenvolvidos en Galicia e desde Galicia”, incluído o acceso ao subministro de gas natural á planta de San Cibrao “na procura de investimentos e creación de emprego”.

“Estamos ao lado dos traballadores de Alcoa, porque as súas demandas son razoables e compartidas pola Xunta”, destacou Conde, quen recordou o apoio do Goberno galego a todas aquelas empresas que crean valor en Galicia, como se ten feito con Clesa ou Barreras.

Así, concluíu o conselleiro, o Goberno galego seguirá a defender a aquelas empresas que “desenvolven a súa actividade en Galicia, que creen emprego en Galicia: sexa Alcoa, Reganosa, as centrais térmicas de Gas Natural Fenosa e Endesa, Elnosa ou Ence”.

Exit mobile version