Site icon Crónica3.com A Mariña

Emma Álvarez asegura que “a alcaldesa laurentina minte dende a web do Concello”

Lourenzá, a 1 de setembro do 2015.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá asegura que a alcaldesa minte aos veciños dende a páxina web oficial do Concello en relación co motivo da celebración do pleno extraordinario.

Os populares explican que durante o pleno extraordinario celebrado o pasado xoves, antes do inicio da orde do día, a portavoz municipal, Emma Álvarez, amparada no artigo 78.2 do ROF pregunta á sra. Presidenta, á sra. López, pola motivación da convocatoria dun pleno extraordinario. A resposta da Sra. Alcaldesa foi clara e concisa, “fíxose agora porque a Secretaria vai coller uns días de vacacións”. Pola contra, na páxina web do Concello di que había asuntos urxentes que tratar, algo que, ao xuízo do grupo municipal “non é certo, todos os asuntos tratados podían esperar ao pleno ordinario do día 17 de setembro, desta forma, o concello aforraría os preto de 800 € que ten de custo a celebración dun pleno”.

Ante a resposta do goberno, o grupo municipal do PP puxo de manifesto que este feito non avala a necesidade de convocar un pleno extraordinario (que supón un custo de preto de 800 €) por dous motivos, “en menos dun mes ten que celebrarse un pleno ordinario, o 17 de setembro, e os asuntos da orde do día podían agardar a ese pleno e tamén porque en mais ocasións se celebraron plenos asistidos pola secretaria en funcións do concello, sen ir máis lonxe o pleno convocado pola sra. alcaldesa como extraordinario e urxente para fixarse o seu soldo”.

Ante a advertencia da portavoz popular, foi cando o sr. Arango, portavoz socialista, propuxo que se renunciaran ás dietas do pleno, algo que o grupo municipal do partido popular rexeitou aludindo que todos “temos as nosas responsabilidades persoais e profesionais que deixamos para asistir a este pleno, non renunciamos as dietas para compensar o pasotismo do grupo de goberno, non vamos a renunciar a elas, témolo feito en varias ocasións durante a última lexislatura, pero nunca o vamos facer para tapar un fallo organizativo do grupo de goberno”.

Desta maneira ponse de manifesto que, a renuncia ás dietas produciuse despois de que a portavoz popular puxera sobre a mesa o malgaste económico que supón celebrar un pleno extraordinario sen necesidade xustificada de facelo e, con este, “xa van dous plenos extraordinarios sen xustificar en dous meses”.

Por outro lado, en resposta as palabras da sra. López sobre o seu estilo, os populares queren deixar claro que “nun pobo pequeno como Lourenzá, todos sabemos cal é o estilo de cada quen aínda que se queira esconder detrás dunha pantalla, a traxectoria dunha persoa é por toda unha vida, non por unhas palabras ben soantes ao final dunha nota de prensa”. Os populares tamén aproveitan para dicirlle á alcaldesa que “o pobo o que quere é que goberne, para iso a elixiron, xa van dous meses onde o único que fixo foi vivir das rendas herdadas do anterior goberno”.

Exit mobile version