Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez subliñou que Ribadeo acadou este verán os mellores datos turísticos da súa historia

Ribadeo, 1 de setembro de 2015.- Nos meses de xullo e agosto foron 68.451 persoas as que pasaron polas oficinas de información turística da vila e das Catedrais. Desta cifra 42.000 corresponden a agosto e máis de 28.000 a xullo. O 47,08% da xente que demandou información en Ribadeo pernoctou na vila, mentres que só un 4’5% dos que acudiron ás Catedrais decidiron pasar a noite na localidade. Neste punto se centrará o traballo do Concello de cara a vindeiras tempadas, en conseguir que os fluxos de turismo que chegan ao famoso areal volvan a Ribadeo. Os datos deunos a coñecer o alcalde, Fernando Suárez, que subliñou que cada vez ten máis importancia en Ribadeo o turismo internacional. Nos dous meses de verán pasaron polo concello persoas de 45 nacionalidades.

O rexedor dixo que “agora que toca facer balance deste xullo e agosto no que ten que ver co turismo aquí, en Ribadeo, debemos facer un balance no seu conxunto moi positivo, como un dos mellores de toda a historia. Hai partes positivas, hai outras que non o son tanto e outras que hai que mellorar, como en todo na vida. Pero si dicimos que en total nas dúas oficinas de turismo de Ribadeo, na da vila e no punto de información que temos na praia das Catedrais, durante os meses de xullo e agosto atendéronse nada máis e nada menos que 68.451 persoas. Hai que ter en conta que en agosto atendéronse 42.000 e en xullo unhas 26.000. Son cifras que marean, porque son de xente que vai pedir información turística, que non é toda a que vén a Ribadeo”.

Suárez Barcia sinalou que “temos luces e temos sombras. As luces son que practicamente a metade, concretamente o 47,8 por cento, da xente que pide información turística na vila recoñece que pasan a noite en Ribadeo. Sen embargo hai tarefas a mellorar, a pesar dalgunhas administracións, xa que no punto de información das Catedrais, onde se atende incluso a máis xente que na propia oficina de turismo da vila, recoñecen que pasan a noite en Ribadeo tan só o 4,5 por cento. Estas son as marcas sobre as que debemos traballar e todo ese empeño do Concello de Ribadeo en lograr que os fluxos de xente que hai nas Catedrais volvan para a vila. Ese é o norte que nos vai guiar no futuro máis inmediato e a medio prazo”.

O rexedor engadiu que “as cifras de atención media na oficina de turismo da vila roldan as 482 persoas ao día e nas Catedrais é practicamente o dobre: 885 persoas. Todas elas son atendidas por persoal do Concello de Ribadeo, xa que temos un equipo para a época estival moitísimo máis amplo do que era hai uns anos, pero ás veces é insuficiente, vendo a cantidade de xente que ven aquí”.

Fernando Suárez Barcia asegurou que “somos un concello revelación na Mariña, desde logo e sen lugar a dúbidas, pero tamén en todo o país e penso que en todo o Estado. Neste verán apreciase un baixón no turismo de proximidade (de Asturias, de Castela-León e de Galicia), pero nótase un incremento de turismo de máis lonxe: Madrid segue ocupando o primeiro lugar, seguido de Cataluña, do País Vasco e despois comunidades como Andalucía, Valencia, Murcia, que ano tras ano incrementan as súas porcentaxes. No caso destas últimas claramente influenciados polas suaves temperaturas que temos aquí, en comparación cos fornos onde viven”.

O alcalde ribadense manifestou que “tamén debemos prestarlle unha especial atención ao turismo internacional, que era irrelevante ou pintoresco hai poucos anos, pero agora aproximadamente un 40 por cento do turismo que veu en xullo era internacional. En agosto baixou, pero con todo quedouse no 11 por cento, que para Ribadeo non é nada desdeñable. Hai que ter en conta que ten un amplo abano de procedencias, superando as 45 nacionalidades emisoras. Por exemplo recibimos xente de máis aló dos lugares de orixe tradicionais, como Alemaña, Reino Unido ou Francia, porque tamén contamos con xente de Sudáfrica, do Líbano, de San Marino, de Bielorrusia, de Israel, de Corea do Sur, de Guatemala, de Croacia, de Finlandia, etcétera”.

Fernando Suárez tamén valorou “o incremento do número de peregrinos, singularmente no mes de agosto. Tamén destacamos que os viaxeiros en barco, segundo os datos que nos pasan desde o Club Náutico de Ribadeo, chegaron en 135 embarcacións que transitaron durante o mes de agosto por aquí; na meirande parte franceses, ingleses e holandeses”.

Sobre os datos de ocupación hoteleira en Ribadeo o rexedor indicou que “no mes de agosto foron históricos, tanto na súa porcentaxe como no tempo de pernocta: moitos hoteis colgaron o cartel de completo durante máis xornadas ao longo do mes, chegando a media de ocupación a roldar entre o 95 e o 100 por 100. Isto obrigou a moitos viaxeiros a pasar a noite en localidades próximas. E isto, desde logo, ten que ver coa atracción que ten Ribadeo en si, con como estamos convertendo a Ribadeo en lugar de atracción de turismo de primeiro nivel, pero tamén ten moito que ver coa atención, coa calidade do servizo, cos prezos razoables en comparación con outros lugares e coa máxima profesionalidade de todos os hostaleiros, deste sector servizos importante que temos en Ribadeo”.

Fernando Suárez dixo que “por todo isto neste inverno debemos seguir traballando en programas como Ribadeo Eventos para intentar traer a grupos organizados, para seguir atraendo turismo de reunións e de congresos, as iniciativas como Ribadeo Birding. Sempre co ánimo e co fin de desestacionalizar no espazo tempo. Polo tanto os meus parabéns, do equipo de goberno e entendo que da Corporación Municipal, a todo os hostaleiros que deron o mellor de si e cónstame, pois puiden falar con moitos deles, que sempre estaban traballando arreo. Penso que demos unha imaxe moi positiva de Ribadeo no mundo, que é do que se trata: seguir traballando entre todos para continuar poñendo a Ribadeo no mundo, a pesar dos paus nas rodas que algunhas administracións lle intentan poñer ao turismo en Ribadeo. Pero, a pesares de todo isto, seguimos brillando con luz propia no mundo do turismo”.

Exit mobile version