Site icon Crónica3.com A Mariña

Follas de cálculo, mecanografía para adultos e iniciación á informática, na aula CeMIT de Burela durante a segunda quincena de setembro

Burela, 8 de setembro de 2015. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Burela comezará 3 novos cursos na segunda quincena de setembro.

O vindeiro martes, 15 de setembro, iniciarase o curso Follas de Cálculo. Está dirixido a persoas con coñecementos básicos de informática. Neste curso amosarase a realizar todo tipo de contas para a casa, a comunidade, ou incluso, para a empresa, a través do programa libre “Calc” incluído no paquete ofimático LibreOffice. O curso contará cunha duración de 15 horas, impartirase de luns a xoves en horario de 18:30 a 20:00 horas e rematará o día 30 deste mes.

O 16 de setembro dará comezo o curso Mecanografía para adultos, dirixido a persoas con ou sen coñecementos de informática. Con esta actividade amosarase a correcta posición das mans á hora de escribir nun computador. “Os asistentes recibirán distintas leccións que consistirán na repetición de series de letras co fin de adquirir certa axilidade, empregarase un programa libre para esta fin”, segundo explican desde a Aula CeMIT. Dito curso terá unha duración de 12 horas, impartirase de luns a xoves de 16.00 a 17.30 horas e finalizará o 29 de setembro.

E xa o 17 de setembro será o día no que comezará a impartirse o curso Iniciación á Informática, actividade coa que se pretende dotar aos participantes das destrezas e coñecementos necesarios para manexar un computador dun xeito básico. Este curso vai dirixido a persoas sen coñecementos de informática, contará cunha duración de 12 horas, impartirase de luns a venres en horario de 10.00 a 12.00 horas e finalizará o día 24 de setembro.

As persoas interesadas en inscribirse ou en solicitar máis información sobre estas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela, sita na Casa da Xuventude (rúa do Cancelo s/n, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/ ou enviando un correo á dirección: cemit.burela@xunta.es.

Exit mobile version