Site icon Crónica3.com A Mariña

Lidia Senra: “As propostas da Ministra Tejerina non aportan solucións para resolver a crise do leite”

Bruxelas, 01 Setembro 2015. A Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, presentou este luns ao Comisario de Agricultura Phil Hogan as peticións que levará ao Consello de Ministras e Ministros de Agricultura da Unión Europea, convocado con carácter extraordinario o vindeiro luns 7, para abordar, entre outros aspectos, a situación de mercado dos sectores lácteo, vacún e porcino.

A Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)/ Esquerda Plural (EP) -integrada no grupo parlamentar da Esquerda Unitaria Europea – Verde Nórdica (GUE/NGL)- lamenta que a Ministra “non fixera un oco para dar a coñecer á nosa Delegación as propostas que lle fixo ao Comisario Hogan e que tiveramos que coñecelas pola prensa. Máxime cando dende a Alternativa Galega de Esquerda en Europa temos solicitado unha xuntanza coa Ministra dende hai varios meses para falar precisamente da crise do sector lácteo”, lembra a eurodeputada Lídia Senra.

En segundo lugar, a tenor do difundido a través dos medios de comunicación, a titular do GUE/NGL na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, Lídia Senra, considera que propostas como incrementar o prezo de intervención para o leite desnatado en po, ou abrir o almacenamento privado para o queixo son “medidas que non van ao fondo do problema e que, se non se acompañan de decisións políticas contundentes como a regulación da produción e dos mercados, non van servir para resolver a crise nin para que as pequenas e medianas explotacións podan seguir adiante”.

En relación á proposta ministerial da creación dun Grupo de Alto Nivel que realice un seguimento e analice a situación do mercado lácteo, a Alternativa Galega de Esquerda/Esquerda Plural considera que non ten ningún sentido a creación deste Grupo, habida conta da existencia de entidades como o Observatorio Lácteo Europeo e o Grupo de Diálogo Civil, nos que participan sindicatos agrarios, organizacións de consumidores/as, industria e distribución, polo que contamos xa con foros abondo para dar os debates e para facer as análises.

“O único que teñen que facer é escoitar ao sector e á sociedade e actuar en base a iso, poñendo en marcha unha política leiteira pública que poña fin á crise actual, que lle dea ao sector a estabilidade que precisa e que volva situar os prezos en orixe no centro das políticas agrarias”, reitera Senra.

“Para o que traía na carteira, a Ministra ben podía ter aforrado a viaxe a Bruxelas”, criticou a eurodeputada galega. “Os anticipos da PAC xa son cartos dos produtores/as, polo tanto, o Ministerio non aporta nada. A ‘boa vontade’ da cadea conséguese unicamente ca posta en marcha de lexislación axeitada”, concretou.

Exit mobile version