Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio milleiro de cativos inician este venres o curso nas escolas infantís da Galiña Azul na Mariña

garderias 040915A Mariña, 4 de setembro de 2015.- A Rede A Galiña Azul, que na provincia de Lugo conta con 18 escolas infantís, iniciou este venres a súa actividade con total normalidade, segundo salientou a delegada territorial, Raquel Arias.

Arias indicou que neste novo curso a rede oferta no conxunto da provincia un total de 981 prazas, das que a metade corresponden ás oito garderías que actualmente están en funcionamento na comarca da Mariña.

Un número de prazas públicas que o vindeiro ano se poderá ver incrementado en outras 41 coa entrada en servizo da nova escola infantil que se está xa a construír en Burela.

“A Xunta de Galicia”, segundo salientou a delegada da Xunta en Lugo, “marcou coma un dos seus obxectivos prioritarios incrementar a oferta de prazas públicas en escolas infantís para cativos de entre 0 e 3 anos porque é consciente de que é unha medida básica para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias”. “Proba de que nesa liña estase a traballar de xeito decidido é que dende 2009 incrementouse na nosa comunidade un 71 por cento o número de prazas públicas que se ofertan”, resaltou.

“O esforzo deu resultados posto que este ano, por primeira vez, superamos a ratio de cobertura de prazas para menores de tres anos que recomenda a Unión Europea e que se sitúa no 33 por cento. Porque hai que lembrar que no curso 2009-2010 a ratio non chegaba ao 19 por cento”, engadiu.

Na Mariña a rede da Galiña Azul oferta un total de 486 prazas en oito escolas infantís: Alfoz (20), Burela (122), Foz (61 e 56), Mondoñedo (41), O Valadouro (41), Ribadeo (104) e Celeiro (41).

Raquel Arias puxo en valor que este curso a rede de garderías da Xunta na provincia de Lugo incorpore a escola infantil de Meira, que o pasado ano era de xestión municipal, e que conta con 41 prazas.

Resaltou tamén que segue avanzando no bo camiño o compromiso de dotar a Lugo cidade dunha nova gardería, con 82 prazas. Neste caso, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega e o Concello, que, segundo dixo, está a tramitar a cesión dos terreos precisos para albergala.

Preto de 9.300 prazas en toda Galicia
No conxunto de Galicia a Rede A Galiña Azul conta este curso 2015-2016 con 159 escolas infantís. Dez, incluída a de Meira, son de nova incorporación este ano, o que permitiu incrementar o número de prazas en 532 ata chegar ás 9.294 que están dispoñibles no conxunto da comunidade autónoma.

Ademais, están en execución a construción de sete escolas máis, incluída a de Burela, que permitirán incrementar o vindeiro ano en 471 o número de prazas dispoñibles.

Cabe subliñar tamén que a Xunta de Galicia, ademais das prazas da Galiña Azul, financia un bo número de prazas máis a través das escolas municipais, escolas dependentes de entidades de iniciativa social ou doutras entidades, cheque infantil e prazas concertadas.

Exit mobile version