O sábado 12 de setembro, ás 18.30 horas, Nordés presenta o número 2 da revista Terras do Ortegal no salón de actos do Concello de Mañón, no Barqueiro. Contaremos con Xosé María Torres, presidente da asociación Terras do Ortegal, e con Bernardo Penabade, que realizou a corrección ortográfica da revista.
Dende a etapa de promoción do primeiro nº da revista, en xullo de 2014, a asociación Terras do Ortegal xa andaba traballando no seguinte. Co paso dos meses, foise materializando o segundo número ata editarse finalmente en agosto deste ano, cun carácter semimonográfico, centrado no Concello de Cariño. Deste xeito, ábrese a posibilidade de concentrar artigos sobre a mesma temática nun só volume, sen perder de vista o concepto comarcal co que naceu dito proxecto.
A publicación acada unha gran calidade grazas ao contido aportado por colaboradores como José Luis Armada, Lois Pita Armada, Eliseo Fernández, Xosé Luis González ou Vanesa Trevín e colegas, no dossier adicado a Cariño; e Manel Bouzamaior, Javier Martínez Prieto, Narciso Luaces, Hixinio Puentes ou Belén Pérez, nos dez artigos restantes.
Portada co cabo Ortegal asinada polo fotógrafo Álvaro F. Polo. Siro, artista gráfico, fai un percorrido pola vida e pel de Laureano Álvarez deixando ver a súa arte nuns retratos do antiguo cronista de Ortigueira. Dende Almería, Diego Cedrán amosa a orixe ortegana da linaxe dos Fajardo, un apelido moi presente no sur da península. E, por último, Francisco J. Calvín achega o uso dos Fondos Europeos na comarca.
Entre todos eles, a revista chega a unhas 205 páxinas cheas de traballo e ilusión. Unha nova etapa aberta na comarca que neste 2015 se consolida cun número 2 digno de admirar e mercar, por só 12 euros.