Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela solicita unha entrevista urxente coa conselleira de Benestar para falar da nova gardería

Burela, 2 de setembro de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, ven de solicitar unha entrevista coa conselleira de Benestar, Beatriz Mato. O rexedor quere expoñerlle a necesidade de modificar o convenio asinado polo anterior equipo de goberno e a Xunta para a construción da nova gardería porque implica que o Concello asuma funcións que non lle competen, ademais do alto custe económico que lle supón.

Llano contou este mércores ó mediodía que “hai unha preocupación, que sempre expresei nos plenos da Corporación Municipal, referida a cando se fixo este convenio entre o anterior alcalde, o señor Barcia, e a conselleira de Traballo e Benestar con respecto á construción dunha nova gardería. Nosoutros críamos que non era o mellor convenio, dado que comprometía moitísimo ao Concello de Burela porque hai que financiar un 40 por cento do que custa a obra e a compra do solar e despois o mantemento e funcionamento do propio edificio. Isto supón meterse nunha competencia impropia, que a nosoutros non nos corresponde, pois quen ten que facer estas cuestións directamente e asumir a súa responsabilidade é a Xunta de Galicia”.

O alcalde dixo: “polo tanto desde o Concello de Burela solicitamos unha reunión o máis rápido posible coa señora Mato para falar deste tema. Evidentemente é un convenio que queremos anular, porque compromete moitísimo ao Concello de Burela en aspectos económicos e de organización. E non corresponde asumir unha competencia impropia tanta responsabilidade. Xa solicitamos unha reunión o máis urxente posible para evitar que existan males maiores para o Concello de Burela”.

Alfredo Llano insistiu en que “no seu momento asinouse este convenio coa conselleira, no cal o Concello se responsabiliza de pagar un 40 por cen da obra máis mercar e preparar un solar, o que tamén supón unha contía bastante considerable, e ademais o compromiso de facerse cargo do funcionamento e do mantemento da nova gardería por parte do Concello. Parécenos que este convenio foi moi mal feito, pouco razoado e non creo que fora nin sequera fiscalizado desde a Intervención do propio Concello. Por tanto hai que mirar isto urxentemente”.

E engadiu: “nosoutros si estamos de acordo en que se constrúa unha gardería, pero desde logo, igual que cando se fai un instituto ou un hospital, non pode asumir o Concello as competencias que lle corresponden á entidade que constrúe este centro, que é a Xunta de Galicia”.

Exit mobile version