Cervo, 24 de setembro de 2015.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, afirmou este xoves que a licitación das obras de ampliación do Hospital da Costa é unha noticia moi positiva para todos os mariñáns.
“Hoxe tivemos unha noticia moi positiva todos os mariñáns, unha nova que os que estábamos máis cerca destes temas sabíamos que era unha realidade xa, pero hoxe concretouse a aprobación da licitación para a remodelación do Hospital da Costa e para a súa mellora. Esta noticia, sen dúbida, é algo que nos alegra a todos os mariñáns, xa que se pon negro sobre branco algo que é irrenunciable pola nosa zona e para os nosos veciños, como tamén é irrenunciable para o Goberno galego e así o sabíamos de boa man todas aquelas persoas que estamos cerca dos dirixentes da Xunta de Galicia”, manifestou o rexedor municipal cervense.
Alfonso Villares engadiu que “unha infraestrutura como o Hospital da Costa, polo servizo que está aportando a toda á Mariña, é fundamental, é irrenunciable; e así o vemos tanto os representantes dos concellos da Mariña como a Xunta, pero necesitaba unha remodelación importante para mellorar eses servizos na medida do posible. Creo que a licitación que se fai e as obras que se van executar son ambiciosas para poder dotar ao centro con moito mellores servizos e prestacións. Polo tanto é unha noticia positiva para todos os mariñáns. Eu como alcalde de Cervo, pero tamén como vicepresidente executivo da Fegamp quería mostrar a miña satisfacción e agradecerlle á Xunta de Galicia que ese compromiso se vexa reflectido sobre o papel”.