Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo ofrece as instalacións municipais que cumpran cos requisitos esixidos polo Ministerio de Asuntos Exteriores para acoller aos refuxiados que intentan chegar a Europa

Ribadeo, 4 de setembro de 2015.- O Concello de Ribadeo pon a disposición do Ministerio de Asuntos Exteriores as instalacións públicas que cumpran coas condicións esixidas por este departamento para acoller aos refuxiados que escapan de Oriente Próximo debido á guerra. Así o anunciou o alcalde, Fernando Suárez, que enviou unha carta a Exteriores comunicando o seu desexo de colaboración. O rexedor entende que é tempo de fraternidade e que Ribadeo debe facer gala do seu espírito de porta de entrada a Galicia.

Suárez Barcia dixo que “con esta misiva dirixida ao ministro de Asuntos Exteriores o que queremos dicir é que nos enche de orgullo ser a porta de entrada a Galicia, como ben reflicte o escudo do noso Concello. É unha chave que non pretende pechar ningunha porta, senón todo o contrario. Ribadeo sempre foi lugar de acollemento aos visitantes que nos queiran acompañar ao longo do ano, pero tamén queremos axudar a todo o que poda necesitalo”.

A intención do Concello, polo seu “espírito de porta aberta do norte”, é ofrecer instalacións públicas municipais que cumpran coas esixencias que o Ministerio considere para acoller ou colaborar no que sexa posible coa acollida de refuxiados: “cremos que temos algunha instalación que sirve ese fin, para acoller dentro das nosas pequenas posibilidades aos seres humanos que están a fuxir dunha guerra da que só se lles pode considerar vítimas, coa intención de ser a chave que lles abra o camiño a unha vida mellor. Este afán de axudar queremos facelo extensivo a todo aquilo no que podamos colaborar e ser útiles de calquera xeito. Por iso agardamos a resposta do Ministerio e dicimos que todos cantos problemas poda haber aquí, que son moitísimos sen dúbida e no día a día, son moito menos do que esas persoas están padecendo. Cómpre dunha vez por todas a fraternidade entre pobos, a fraternidade entre irmáns”.

Exit mobile version