Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG consegue que se retire a placa de Jaume Matas do paseo marítimo de Burela

O máis salientable da orde do día do pleno ordinario celebrado este xoves en Burela foi a aprobación por unanimidade da retirada da placa de Jaume Matas, que cumpre condena no cárcere, e que foi unha demanda feita por escrito por parte do BNG no anterior pleno de Xullo. “Non semella de recibo que unha persoa que está demostrado que cometeu delitos sexa recordado na nosa vila; esperemos que non haxa que retirar mais placas por estes motivos”, destacou o nacionalista Pillado.

No apartado de mocións, o PP presentou unha para a promoción do leite 100% galego, que contou co apoio do Bloque, mais o seu portavoz, Mario Pillado sinalou que “isto non é mais ca un lavado de cara, posto que as institucións públicas non están para facer campañas de marketing senón que deben aportar solucións os problemas reais”. A demanda dos gandeiros, mais que a promoción do seu produto, é que se lles pague o que realmente custa o leite. “O PP o que ten que facer tanto en Madrid coma en Santiago é poñerse a traballar para que milleiros de familias podan vivir do seu traballo na nosa terra, algo que agora mesmo non teñen asegurado”, dixo Pillado en referencia ó pacto que presentou o ministerio, “que non satisfai para nada ós gandeiros galegos”.

Os concelleiros do BNG voltaron a ser a voz da rúa no pleno de Burela
En canto á outra moción presentada polos populares, sobre a colocación de dous semáforos mais na vila, esta foi emendada polos nacionalistas para que os semáforos que xa están a funcionar, o fagan en ámbar nos momentos de menor tránsito do día, axilizando así a circulación, como demandan moitos veciños e posto que non hai necesidade, segundo os nacionalistas, de colocar mais semáforos. De tódolos xeitos o goberno socialista aproveitou a súa maioría para rexeitar tanto moción como emenda.

Na quenda de Rogos e Preguntas, os nacionalistas preocupáronse pola situación das coidadoras dos comedores escolares e pola esperpéntica realidade na que unha empresa de Málaga serve unha comida que ven dende Santiago nos dous colexios de Burela, pediron que se arranxaran os problemas de adherencia nalgunhas beirarrúas, interesáronse en saber se as tarefas de pintura e acondicionamento tanto na praza da Mariña como na Praza de Abastos van continuar, preguntaron cal era a situación da Banda de Música trala renuncia do seu director e pediron que se revisara a ordenanza fiscal acerca das taxas que se abonan polo uso de instalacións e dependencias municipais.

Todo isto foi o froito de demandas que tanto os veciños como os colectivos fixeron chegar ós concelleiros e ó consello local do BNG en Burela e que simplemente son trasladadas ó pleno municipal para se debateren.

Exit mobile version