Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que “ao goberno municipal de Cervo lle preocupen máis cuestións alleas que as que afectan aos cervenses”

AO GOBERNO MUNICIPAL DE CERVO PREOCÚPALLE MAIS O QUE PASE ESTE DOMINGO EN CATALUNYA QUE LEGALIZAR O NÚCLEO DE FONTAO OU QUE A AUTOVÍA SAN CIBRAO-BARREIROS NON CONTE CUN SO EURO DE INVESTIMENTO NO TRAMO CERVENSE EN 2016

Cervo, 24 de setembro de 2015. O BNG-AA de Cervo interpreta que a moción tipo presentada polo PP ao pleno deste xoves baixo o título “Moción para a defensa do estado de dereito e a cohesión de España” forma parte da campaña do Partido Popular a nivel estatal para amedrentar ao pobo catalán no seu dereito a decidir libremente o seu destino. A formación nacionalista cuestiona as razóns que levan ao goberno municipal de Cervo a presentar esta moción a pleno mentres demostra un total desinterese por defender a legalización do núcleo de Fontao ou que os orzamentos do Estado para 2016 non recollan un so euro para o tramo cervense da autovía de conexión entre San Cibrao e Barreiros en 2016.

O PP trae a Cervo o discurso de campaña do partido en Catalunya cando aquí non interesa a ninguén
O portavoz municipal, Ramón Luís Bernardo Insua, pregúntase lendo a exposición de motivos da moción presentada polos populares “si se pode considerar estado social a un estado no que se ve xente buscando comida en contedores de lixo? Ou estado de dereito cando se aproban leis como a lei mordaza que impide á poboación protestar polas inxustizas sociais baixo pena de sanción ou cárcere?”. Bernardo Insua anuncia que a formación nacionalista vota en contra desta moción non so polo convencemento de que os pobos teñen dereito a decidir democraticamente o seu destino sen imposicións nin ameazas, senón tamén porque a Galiza e ao pobo de Cervo pouco lle interesa o discurso de campaña do PP en Catalunya e polo que se augura para este domingo alí, tampouco ao pobo catalán.

Mentres o goberno municipal nos distrae con problemas alleos, os propios quedan metidos nun caixón sen solución
Para a formación nacionalista o PP de Cervo “usa a institución municipal para defender os seus intereses partidarios a nivel do Estado pero non di nada, nin toma posición para defender os intereses locais e comarcais en cuestións vitais para o desenvolvemento do concello como é que a autovía de conexión entre San Cibrao e Barreiros non conte cun so euro de investimento no tramo cervense en 2016, ou que o núcleo de Fontao siga sen legalizarse argumentando a ausencia de PXOM cuxa redacción o goberno municipal ten metida nun caixón desde fai anos. Ambas decisións do goberno do estado pilotado polo seu partido”.

Voto en contra do incremento das taxas no mercado municipal dos xoves
O BNG – AA tampouco vai apoiar a modificación da ordenanza fiscal 25 que regula o mercado semanal de San Cibrao por supoñer que un incremento da taxa para os postos do mercado non axuda a manter este mercado que se celebra os xoves na localidade. Segundo Bernardo Insua, “non parece lóxico que se incremente a presión fiscal sobre os comerciantes do mercado cando o incremento de ingresos non é significativa para as arcas municipais e si pode poñer en perigo o mantemento do mercado semanal pola fuga de comerciantes a outros concellos que o celebran no mesmo día afectando tamén ao comercio local de San Cibrao.

Exit mobile version