“Non deixa de resultar curioso que algúns destes vertedoiros incontrolados se sitúen naqueles puntos do Concello con máis atractivo turístico. Así atopámonos con eles por exemplo na parroquia de San Martiño, a 700 metros da Basílica, no Pico da Lebre, por onde pasa unha ruta de sendeirismo, na contorna do Prado de Ramos, en Vilaxoane, ao pe do Paseo do Masma. É evidente que non é este o xeito co que un demostra que quere Foz ou que coida Foz” indican as concelleiras nacionalistas, que na súa moción solicitan que se proceda a eliminar os vertedoiros incontrolados localizados en San Martiño (Ver) e no Pico da Lebre e, de repetirse esta situación, que coloque carteis neses puntos prohibindo os vertidos e informando sobre o Punto Limpo. Nesta liña demandan tamén que se sinalice correctamente a situación do Punto Limpo e se publicite, mediante a campaña Cuido Foz, quero Foz, o servizo de punto limpo móbil.
O Bloque Nacionalista Galego esixe na mesma moción que se obrigue ao cumprimento do establecido no o artigo 7 da ordenanza municipal de limpeza urbana, do 26 de agosto de 2008, e que aplique as sancións correspondentes para evitar que esta situación se repita no futuro ao mesmo tempo que solicitan sexan resoltas as demandas dos veciños que presentan reclamacións que non son atendidas. A proposta dos nacionalistas reclama que o Concello garanta o cumprimento da norma que obriga a que os propietarios sexan obrigados a manter os seus terreos ou inmóbeis nun estado de limpeza, ornato e hixiene, posto que o abandono dos mesmos resulta un prexuízo xa non para os colidantes senón para o interese xeral na medida que afecta á imaxe do pobo. “A lexislación obriga ao Concello a que solicite dos particulares a manter a súas propiedades en condicións, en caso contrario deberao executar o Concello a conta dos propietarios” rematan as nacionalistas.