Lugo, 24 de agosto, 2015. O voceiro do BNG na Deputación de Lugo anunciou que no vindeiro pleno da Deputación de Lugo defenderan unha moción para reclamar que a Xunta de Galiza asuma as súas obrigas a respecto da financiamento dos servizos sociais deste país. Antonio Veiga explicou que “imos esixir á Xunta de Galiza que cumpra coa súa obriga de, cando menos, participar nos custes do mantementos dos servizos sociais que están a sustentar neste momento tanto as Deputacións como os propios concellos”.
Veiga lembrou que “os recortes aos que o PP está sometendo a toda a povoación están provocando que as entidades locais asuman, dun xeito impropio, os custes en atención social por que non poden deixar desprotexidos a veciños e veciñas”. Os gastos encadrados no apartado de servizos sociais veñen significando unha das maiores partidas orzamentarias das entidades locais, tanto das Deputacións como dos concellos e “esta situación agravouse aínda máis debida aos salvaxes recortes que as distintas administracións do Partido Popular impuxeron en todo o relacionado cos servizos ás clases populares do noso país en xeral e nos servizos sociais en particular”.
Para o BNG “a política que está a seguir a propia Deputación de Lugo con respecto a este asunto non fai máis que intentar tapar os bárbaros recortes que a Xunta de Galicia fixo nesta materia” e por eso ademais de pedir que a Xunta asuma as súas responsabilidades, os nacionalistas esixen que “a propia deputación faga público, por todos os medios posíbeis, este incumprimento da Xunta”.