Site icon Crónica3.com A Mariña

O Campionato de España de motonáutica por radiocontrol térmico celebrarase no encoro de Riocobo coa participación dos campións do 2014

Cervo, 1 de setembro de 2015. O Campionato de España de Motonáutica por Radiocontrol Térmico que se vai celebrar esta fin de semana, días 5 e 6 de setembro, no encoro de Riocobo, ten inscritos xa aos gañadores da pasada edición, de 2014. Así o destaca o concelleiro de Deportes en Cervo, José Ramón Soto, que lembra que o prazo para participar nas probas estará aberto ata o mesmo sábado ás nove da mañá e que a asistencia de público será libre e gratuíta. Os participantes chegan de puntos de toda España, como Cantabria, Valencia, A Coruña ou Madrid.

Algúns dos pilotos máis sobresaíntes xa confirmaron a súa presenza en Riocobo este sábado, entre eles Luís Plana González, de Madrid, campión en 2014 da categoría de 3,5 centímetros cúbicos. Estará tamén Manuel García Muñoz, procedente de Santander e gañador na categoría de 7,5 centímetros cúbicos e da de 35 centímetros cúbicos, así como Luís Coll Rosalén (Valencia), vencedor en 15 centímetros cúbicos e 3º clasificado en 35 centímetros cúbicos, e Juan José Rivas Gómez (Cantabria), subcampión en 2014 na categoría 35 centímetros cúbicos.

O concelleiro de Deportes cervense adiantou tamén que polo momento so hai un piloto galego confirmado, Emilio Cadaveira Cid, de A Coruña, pero que é previsible que nos días que quedan de prazo se anoten máis.

“Trátase dunha competición nova aquí, nesta comarca, con lanchas que miden entre 1 e 1,50 metros de lonxitude e que alcanzan os 120 quilómetros por hora. A proba divídese en 4 categorías e evento é totalmente gratuíto para o público”, sinala Soto, quen tamén destaca que “o Concello valora positivamente que se escolla o noso pobo para realizar esta competición de carácter nacional, xa que ademais de poder gozar de experiencias novas nesta zona representa un importante tirón turístico, pois os participantes veñen de distintos lugares da xeografía española”.

Exit mobile version