Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIM e a Concellaría de Igualdade de Ribadeo reinician os “Domingos a pé” o vindeiro 11 de outubro cunha ruta de 11 quilómetros por Castropol

Ribadeo, 30 de setembro de 2015.- A Concellaría de Igualdade comeza o vindeiro 11 de outubro unha nova edición dos Domingos a pé, que desta volta discorrerá polo municipio de Castropol, nunha ruta a pé duns 11 quilómetros, gratuíta, que inclúe a subida ao monte Pousadoiro. Precísase dun mínimo de 12 mulleres participantes para poder levarse a cabo, segundo anuncia Mariluz Álvarez Lastra.

A edil de Igualdade contou que “dende o Centro de Información á Muller do Concello de Ribadeo queremos informar a toda a cidadanía e sobre todo ás mulleres do noso concello dos Domingos a pé, esas actividades que xurdiron hai nove anos para ter un tempo de desconexión, de relax, para compartir con outras compañeiras e, sobre todo, para coñecer o noso patrimonio e o noso entorno con estas rutas a pé que imos facendo os domingos.

Álvarez Lastra explicou que “esta nova ruta vai ser o día 11 de outubro e imos facela ao concello veciño de Castropol. Será unha ruta duns 11 quilómetros e medio máis ou menos, o punto de chegada, Castropol e a subida vai ser ao monte Pousadoiro. Esta dirixida por Teresa Díaz, á que coma sempre agradecemos a súa colaboración desinteresada”.

A concelleira nacionalista engadiu que “neste caso para poder asistir é necesario apuntarse no teléfono do Centro de Información á Muller (CIM), no 982 120 739, porque para poder desprazarnos a Castropol necesitamos do uso dun autobús, dun microbús, e a actividade farase sempre e cando exista un mínimo de persoas. O número de prazas mínimas que precisamos para poder facela é de 12 mulleres. Todas aquelas que desexen facer a ruta dos Domingos a pé polo monte Pousadoiro e no Campo de Chao de Castropol non deixen de anotarse no teléfono do CIM de Ribadeo”.

Mari Luz Álvarez Lastra engadiu que “a saída como ven sendo habitual será ás 11:15 horas da Oficina de Turismo e o regreso sobre as 16:30 horas ou 17 horas da tarde. Se existen menos de 12 persoas anotadas verémonos na obriga de suspender esta actividade. Levaremos un autobús, que sufragará o Concello. A actividade é totalmente gratuíta para as participantes”.

Exit mobile version