Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela levará adiante unha reordenación integral do tráfico

Burela, 25 de setembro de 2015. O Concello levará adiante unha reordenación integral do tráfico en Burela. Será cando rematen as obras de acceso ao porto, segundo anunciou esta mañá o alcalde, Alfredo Llano. Ademais subliñou que o Concello quere levar o 100% da xestión do cemiterio municipal. Os trámites para proceder a este respecto iranse realizando pouco a pouco.

O pleno deu o visto bo a unha modificación do regulamento do rexistro de parellas de feito para adaptalo á nova normativa xeral de 2014 e tamén a unha modificación da ordenanza sobre limpeza e protección ambiental do Concello “en cuestións respecto á contaminación por ruídos. Hai que adaptala á nova normativa para poder aplicala dentro de dous meses, máis ou menos”, dixo o rexedor.

A praia de Penoural poderá ser empregada o vindeiro verán polas mascostas fora dos horarios de baño habituais. Llano explicou que “había unha demanda moi grande por parte da cidadanía para permitir que os donos das mascotas, dos cans, poidan ir á praia do Penoural. Imos regulalo para aplicalo o vindeiro verán entre o 15 de xuño e o 15 de setembro para que poidan acceder a ese areal. Será durante dúas horas, de oito da tarde a dez da noite, fora do horario de baño. Veremos que sucede”. E insistiu: “queremos dar resposta a esa demanda, agardamos que sexa un atractivo máis para que a xente se aproxime a Burela. Agardamos que dea resultado”. Este asunto foi aprobado cos votos favorables de PSOE e BNG e a abstención do PP.

Na sesión plenaria quedou aprobado o convenio co xefatura de tráfico “para evitarlle desprazamentos a Lugo á cidadanía, por exemplo para cambiar a dirección no carné de conducir. Así poderán facelo directamente no Concello. É unha xestión frecuente a habitual e así afórrase o desprazamento á capital da provincia”, manifestou o alcalde burelés.

A aprobación do ditame de regulación do servizo básico municipal de cemiterio foi outro dos asuntos debatidos e aprobados no pleno de onte. Alfredo Llano indicou que “o que aprobamos foi unha petición ao Concello de Cervo para que se anule unha decisión adoptada no ano 1985 sobre a xestión que se lle deu a unha empresa particular do cemiterio municipal. O único que facía o Concello era un servizo de mantemento e conservación, mentres que a empresa xestionaba os nichos, as fórmulas de cobro, etc. Isto é un servizo municipal que temos que recuperar para o Concello. Hai que anular ese acordo, dado que foi feito dunha forma que non é legal, xa que incumpre moitas cuestións. Queremos que se anule ese punto para poder xestionar directamente ao 100% o cemiterio municipal de Burela. Hai que ir facéndoo pouco a pouco”.

O Concello retirará a placa dedicada a Jaume Matas, qune fora ministro de Medio Ambiente, que estaba situada no paseo marítimo da Marosa, na praia de Ril: “vaise sacar inmediatamente. Quedou contrastado que xestionou dunha maneira fraudulenta e delictiva e non podemos estar premiando estes comportamentos na vida pública”.

No capítulos de mocións por unanimidade foi aprobada unha do PP sobre o sector lácteo para impulsar o consumo de leite 100% galega. O alcalde de Burela manifestou que “foi aprobada por unanimidade como é lóxico. Pero criticamos que se faga esta motivación, esta propaganda, que está moi ben, sen ir ao quid da cuestión, os gandeiros estano a pasar moi mal polo que se refire á produción de leite e aí é onde había que insistir. O PP está tentando disimular a malísima xestión que está a realizar con gandeiros, está tirando algún foguete para despistar o que realmente importa, que é prezo base de produción. Nos acordos vese claro que non satisfan para nada aos gandeiros, que si hai un acordo entre os distribuidores e a industria que recolle, pero non os gandeiros que na súa maioría, sobre todo en Galicia, están en contra dese acordo. Hai que atallar de raíz os problemas que están a sufrir os gandeiros”.

No pleno foi rexeitada outro moción dos populares na que demandaban a colocación de máis semáforos en Burela, na intersección de Curros Enríquez e Rosalía de Castro. Alfredo Llano considera que “esa petición non está xustificada neste momento, porque a nosa intención é clara. Imos tentar realizar unha reordenación integral do tráfico en Burela en canto rematen as obras de acceso ao porto. Afectará a todas as rúas, a todas as avenidas e sitios nos que a circulación é máis intensa en Burela”.

O rexedor rematou sinalando que “o de onte foi un pleno normal. Non me gustou a actitude do voceiro do PP porque amosou unhas formas de facer as cousas por imposición e demostrando nalgúns casos pouca educación. Agardo que no futuro non se repitan estas escenas, que impliquen mala educación cara o público, as institucións e a propia Corporación”.

Exit mobile version