Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo reinicia o servizo de orientación laboral, ao que na súa anterior etapa acudiron unhas 2.000 persoas, o 25% estranxeiras

Ribadeo, 29 de setembro de 2015.- O Concello acaba de poñer de novo en marcha o servizo de orientación laboral, pechado nos últimos meses pola fin da subvención que o financiaba. Así o anunciou a concelleira de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Ana Martínez. Na súa anterior etapa acudiron a este departamento arredor de dúas mil persoas, das que o 25% foron estranxerias.

A edil nacionalista explicou que “o Concello, como entidade colaboradora da Consellería de Traballo de Benestar, vén de poñer en marcha de novo o servizo de orientación laboral. É un servizo que vén complementar a labor desenvolta con anterioridade nese mesmo Concello e que estivo durante uns meses parado pola finalización da subvención que tiñamos para tal fin. De novo solicitámola e foinos concedida para atender a esta gran demanda que temos por parte dos veciños e veciñas deste servizo, porque estes momentos son momentos nos que moitos dos nosos veciños están a vivir situacións verdadeiramente dramáticas en canto a temas de emprego e de traballo. Esta é unha iniciativa que pretende prestarlle toda a axuda aos desempregados e desempregadas non soamente do concello de Ribadeo senón da comarca”.

Ana Martínez sinalou que “neste servizo facemos unha forte aposta dende o Concello, como interlocutor, nas dúbidas e problemas que no día a día se lles poidan ir presentando. Entendemos que a orientación para o emprego nos momentos actuais é unha ferramenta clave para apoiar ás persoas no seu proceso de inserción laboral. Como tal, o Concello considerou importantísimo e preciso contar con este servizo de novo para os veciños e veciñas e as xentes procedentes doutros concellos e mitigar dentro do posible os efectos que a crise está causando no mercado de traballo máis próximo”.

A concelleira de Desenvolvemento Local dixo: “podemos considerar tamén a orientación como un proceso de apoio a esa toma de decisións individuais, profesionais e formativas que trata de conciliar as condicións individuais das persoas coas oportunidades externas existentes. O obxectivo clave que a orientación persegue é contribuír a ese desenvolvemento de capacidades de empregabilidade e autonomía das persoas para mellorar as súas oportunidades de acceso ao emprego. Unha cousa que tamén temos en conta, e dende logo se dende a UE se aconsella achegar os servizos aos cidadáns, o Concello de Ribadeo considera prioritario atender as demandas que estes colectivos nos van presentando. Nos tempos que corren non existen solucións doadas para acabar co desemprego, pero dende o concello intentamos darlle un pouco máis de axuda e impulso a estas iniciativas e achegar de xeito mais directo ao cidadáns estes servizos. Para acudir a este servizo de orientación de emprego simplemente se pode chamar ao teléfono do Concello, ao 982 128 650 e dende logo é necesario solicitar unha cita previa”.

Ana Martínez tamén asegurou que “dentro deste servizo de orientación, dende Desenvolvemento Local cóntase coa xestión dunha bolsa de emprego ao que acoden tanto desempregos e desempregadas como empresas ou persoas que veñen buscando eses traballadores ou traballadoras, de xeito que podemos contribuír a comunicar a estas dúas partes importantes implicada”.
A edil ribadense subliñou que “no período anterior foron programadas sobre 2.000 visitas para asistir ao servizo de orientación laboral e moitas delas viñeron dun xeito voluntariamente a informarse de temas variados, relacionados dende logo coa inserción laboral, busca de emprego, iniciativas emprendedoras, emisión de certificados de profesionalidade, formación sobre cursos de galego, campos bastante amplos que sempre están relacionados co tema do traballo”.

Martínez seguiu a relatar que “desas 2.000 persoas que acudiron ao servizo de orientación laboral, o 25% foron estranxeiras. Creo que é un dato importante co que podemos dicir que a sociedade actual en Ribadeo caracterízase tamén por un multiculturalismo que dende logo é bastante enriquecedor”.

Ana Martínez tamén se referiu á bolsa de emprego que xestiona o Concello: “dentro do que é a xestión da bolsa de emprego agora mesmo contamos con 485 inscritos e na que participaron aquelas persoas que voluntariamente deixaron ou queiran deixar o seu currículo para cubrir as ofertas de emprego que por parte dos empresarios, dos autónomos en ocasións nas que se nos solicita este mesmo servizo, e dende logo dende o Concello remítense ás empresas os perfís dos demandantes que máis ou menos encadran no que se nos vai pedindo. Fíxose un diagnóstico individualizado do perfil dos demandantes de emprego no que se incluía toda a información posible sobre as súas características persoais que nos permitía medir o grao de empregabilidade e clasificar o demandante con esa intención de que a posibilidade de atopar traballo fose máis doada e relacionada máis coa súa formación”.

Outra das labores do servizo é axudar á elaboración de currículos: “tamén se lles axudou a todas aquelas persoas que nolo solicitaron na elaboración dos seus CV para a súa presentación diante das empresas. Por parte deste servizo axudouse a confeccionar máis de 100 CV. Especial atención tiveron tamén as persoas interesadas en participar nos procesos de recoñecemento dos certificados de profesionalidade dos requisitos para poder acceder a eles, falamos en concreto do tema das competencias clave”.

Ana Martínez lembra que “temos unha páxina de facebook dende a Concellaría de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, a través de ADL Ribadeo, onde se informa de ofertas de emprego, cursos, novas subvencións para emprendedores. Creo que é un medio bastante rápido e visual para difundir unha información esencial para moitos dos nosos usuarios. En resumo, creo que o que buscábamos era un contacto directo con todas as persoas que así o requiran e volvemos a inicialo para que o seu contacto co medio laboral, a posibilidade de atopar un emprego sexa máis doada dentro das dificultades desta situación social”.

Exit mobile version