Capeáns trasladoulle á representante da Deputación, tamén traballadora social e que tivo unha actitude “aberta, colaborativa e moi social”, as inquedanzas da profesión e un pequeno dossier onde se recolle “a análise actual de situación, propostas de mellora para a Deputación de Lugo e unha proposta de colaboración co COTSG”, indica a Presidenta do Colexio. Entre as propostas no ámbito da formación para traballadores e traballadoras sociais, lembrou Capeáns, está todo o referente ao Informe Social Unificado, ligado a unha Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, aínda sen desenvolver por decreto a pesar de que a Xunta se comprometera a telo en xuño deste mesmo ano, e sendo un documento “cando menos” complicado e no que se precisaría “unha plataforma telemática aínda sen desenvolver, tarefa pendente por parte de Amtega”.
Pola súa banda, a Deputada de Benestar mostrouse aberta a estudar e poder levar a cabo algunha das propostas que lle foron trasladadas polos responsables do Colexio de Traballo Social. Teijeiro indica que algunha destas ideas son a reedición da Xornada Muller e Mercado Laboral, a participación en Proxectos Europeos e a necesidade de dar formación a profesionais no eido dos servizos sociais. No documento, o COTSG lembra cales son os puntos esenciais que deberían ter as futuras políticas xerais en materia de servizos sociais, cun sistema “que amosou a súa eficacia dende os anos 80 pero que agora é necesario ampliar a súa cobertura para satisfacer as novas e crecentes necesidades, en Galicia ou no Estado, a crise do modelo é xeral”.Esta xuntanza enmárcase na rolda de reunións coas diferentes institucións para dar traslado das medidas que o COTSG entende fundamentais para reordenar e mellorar unha sistema a día de hoxe, “con moitísimos signos de debilidade”. Xa se mantiveron reunións con Ferrol, Coruña, Santiago ou Narón e, indica Capeáns, “seguiremos tentando concienciar e sensibilizar aos cargos públicos para que poñan en marcha medidas de apoio social para a cidadanía, especialmente para aqueles colectivos que se atopan en situacións de emerxencia ou vulnerabilidade”