Site icon Crónica3.com A Mariña

O DOG publica a licitación das obras de mellora e ampliación do Hospital da Costa

ampliacion-hospital-costaO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores 30 de setembro a resolución pola que se licitan as obras da primeira fase de ampliación e mellora do Hospital da Costa de Burela, cun orzamento de 12,8 millóns de euros. Ábrese así o concurso público para a redacción do proxecto e a execución das obras, logo da aprobación desta iniciativa polo Consello da Xunta da pasada semana e en cumprimento do compromiso adquirido de iniciar o procedemento este mesmo ano.

Tal e como se recolle no prego, a Axencia Galega de Infraestruturas establece un prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e de 28 meses para a execución das obras. As empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato de obra pública dispoñen de prazo ata o vindeiro 19 de novembro.

A ampliación e reforma que se levará a cabo no complexo hospitalario de referencia na Mariña lucense permitirá a reorganización dos espazos do centro e da zona ambulatoria, que non está adaptada na actualidade ás necesidades dos pacientes e dos profesionais.

As obras, que serán executadas pola Axencia Galega de Infraestruturas, supoñen o desenvolvemento do plan director elaborado polo Servizo Galego de Saúde para este centro hospitalario, que ten unha antigüidade superior aos 30 anos.

Os traballos de ampliación e mellora do hospital suporán un incremento do 30% da superficie actual do centro e levaranse a cabo de forma compatible co funcionamento de todas as áreas actuais, así como garantindo a integración estética da nova construción co edificio xa existente.

A actuación suporá melloras substanciais na atención sanitaria nesta zona. Así, na área de hospitalización practicamente se duplicará o espazo, dos case 2.800 m² actuais a máis de 4.500, o que mellorará a confortabilidade dos pacientes e mellorará circulacións e o traballo dos profesionais.

Na área de consultas externas construirase unha nova zona ambulatoria que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro; na área ambulatoria estableceranse novos gabinetes de exploración e unha nova sala de cirurxía menor e crearase un hospital de día médico para complementar o cirúrxico e o de diálise.

A ampliación permitirá contar con 6.000 m² máis de superficie construída sobre os 17.600 m² existentes, para o que se construirá un novo pavillón en forma de “L” con catro plantas na parte máis longa e dúas na parte máis curta.

Exit mobile version