Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno provincial consegue a unanimidade na aprobación da súa proposta de divulgar o labor das Irmandades da Fala no seu centenario

Lugo, 29 de setembro de 2015.- O equipo de Goberno provincial conseguiu a unanimidade no voto de todos os grupos políticos do Pleno provincial para aprobar a súa proposta de impulsar o recoñecemento ao labor das Irmandades da Fala en defensa da lingua galega con diferentes actividades cuxa celebración está prevista para o vindeiro ano, centenario da súa fundación. Ademais, a iniciativa dos populares aprobada este martes tamén insta á Xunta de Galicia a declarar oficialmente 2016 Ano das Irmandades da Fala.

Os populares defenderon a necesidade de que a Deputación lidere esta iniciativa ante a importancia e peso que a provincia tivo dentro das Irmandades, as cales contaron con agrupacións locais en Monforte de Lemos, Vilalba, Mondoñedo e Lugo. Ademais, tal e como recolle a proposta, as Irmandades “son merecedoras do respecto e o recoñecemento de todos os lucenses pola súa contribución impagable á defensa, exaltación e fomento da lingua e cultura galegas”.

O deputado de Cultura, Francisco Balado, encargado de defender a proposta, fixo fincapé, fronte ás críticas da oposición, en que “nós non usamos o idioma como arma política”. Malia estas críticas, finalmente todos os grupos votaron a favor da proposta dos populares.

Exit mobile version