O voceiro dos populares considerou necesario dar a coñecer “a situación real da obra” e demostrar con documentos a “grave” e “nefasta” xestión do Goberno socialista da Deputación de Lugo que, segundo lamentou Armesto, impedirá a apertura esta anualidade do Centro da Uned no edificio do Miño.
O deputado provincial indicou que un expediente que se apertura en maio de 2011, “hoxe, catro anos despois continúa sen rematarse, supoñendo un forte investimento público aos lucenses que non poderán polo de agora dispoñer deste servizo”. Tras ampliacións no prazo de execución da obra, o último concedido remata mañá 18 de setembro, cando a última certificación de obra aprecia que aínda queda o 45,82% da obra sen executar. “Esta é a dilixencia coa que traballan os socialistas, deixándonos unhas obras, cuxo proceso deixa entrever importantes dúbidas, con irregularidades administrativas, variacións orzamentarias, e que non se compren os prazos”.
“É importante que os lucenses coñezan o funcionamento dos socialistas no Goberno e a situación que motiva que os alumnos da Uned non podan empregar o Complexo do Miño como sede. A maiores, unha vez que se finalicen as obras teremos que resolver servizos tan básicos como o de iluminación que non se recolle no proxecto”, explicou Armesto.
Anomalías no procedemento administrativo
O voceiro dos populares destapou importantes anomalías no procedemento administrativo da obra. Entre eles, Armesto revelou que no proceso de contratación se exclúen empresas do procedemento de selección sen motivar a causa desta exclusión. Ademais, existe unha dilixencia na cal se manifesta que unha oferta foi aberta e pechada posteriormente con celo.
Entre outras irregularidades administrativas, Armesto engadiu tamén que o contrato se adxudicou fóra do prazo máximo que establece a lei, ao igual que o proxecto. Neste senso, o deputado explicou que a empresa adxudicataria presentou ata un total de tres proxectos (novembro de 2011, marzo de 2012 e agosto de 2013). “Se o primeiro proxecto foi o que serviu de base ás autorizacións e despois executouse o do ano 2013, pódese considerar incluso un incumprimento da autorización sectorial e polo tanto da licenza”, matizou.
Polo tanto, “unha vez máis herdamos un proxecto que levanta sospeita e queremos descubrir realidades, ao igual que descubrimos unha clara manipulación orzamentaria e un desfase presupuestario desproporcionado, dun 110%. Son manifestas as argucias que seguen, alterando cifras, para dar unha impresión de total normalidade”. Neste senso, o voceiro deu datos e explicou que unha obra que se adxudicou por un importe de 959.684,88 euros, e tras a presentación de tres proxectos, o último deles é o dobre do orzamento inicial (2.022.139,10 euros). “Non expediente non queda claro a motivación deste desfase orzamentario, o único que se demostra é unha falta de previsión absoluta”.
Polo tanto, Armesto lamentou que se estea a dar esta situación e que non se poda sacar adiante coa celeridade prevista este servizo no complexo do Miño ao tempo que agarda que estas circunstancias non danen a imaxe das institucións públicas nin causen ningún prexuízo sobre entidades que están a desenvolver unha importante labor social.