Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno provincial proporá prestar servizos de recadación aos Concellos de xeito totalmente gratuíto

Lugo, 25 de setembro de 2015.- A titular da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou na Xunta de Goberno celebrada este venres que o equipo de goberno que ela dirixe levará ao Pleno do vindeiro martes para a súa aprobación unha proposta que recolle a prestación de servizos de recadación aos concellos de xeito totalmente gratuíto, isto é, sen que estes teñen que ofrecer compensación económica algunha á entidade provincial.

Do mesmo xeito, esta proposta, coa que se pretende a modificación das bases que rexen a aceptación da delegación expresa de competencias en xestión tributaria por parte dos Concellos á Deputación, ofrece unha maior liberdade aos concellos para delegar aqueles tributos e demais ingresos de carácter público sen verse condicionados por uns contidos mínimos de delegación.

A propia Elena Candia explicou que a lei establece que son competencias propias da Deputación a asistencia e prestación de servizos de xestión de recadación tributaria aos concellos con menos de 20.000 habitantes, mediante convenios ou outras fórmulas de colaboración cos mesmos. De calquera xeito, a lexislación establece un contido mínimo de delegación referido ao Imposto de Bens Inmobles, Imposto sobre Actividades Económicas e sobre Vehículos de Tracción Mecánica que, no caso de que os concellos non desexen delegar, déixaos á marxe da xestión do servizo. Con esta proposta propónselle maior liberdade aos concellos para delegar aqueles tributos e demais ingresos de carácter público que estimen pertinentes.

En canto á compensación económica pola xestión dos servizos de recadación, Candia dixo que polo exercicio destas funcións a Deputación obtén o 3% dos xuros recadados en período voluntario e o 75% da recarga en período executivo precendente. A proposta de Goberno propón a gratuidade deste servizo.

Esta non é a única proposta relativa ao Servizo de Recadación que os populares presentarán no Pleno do día 29 de setembro. Outra delas será na que plantea a constitución do Consello Provincial de Xestión Tributaria e Recadatoria e a aprobación inicial do seu regulamento. Candia explicou que este consello ten unha función de participación, información e asesoramento referido ao ámbito de actuación da Deputación, en relación ás competencias de xestión e tributación e recadación. Polo tanto, “permitirá efectuar propostas, estudos, informes e favorecer a relación entre concellos e Deputación”.

Estas iniciativas responden, tal e como explicou a presidenta da Deputación, Elena Candia, a que “o goberno provincial ten como unha das súas máximas a cooperación cos concellos da provincia”.

Outros asuntos
Na Xunta de goberno deste venres tamén se aprobaron plans de seguridade no traballo de varias obras en estradas de Barreiros e Foz; así coma o convenio de colaboración entre a Cruz Vermella e a Deputación para a realización de prácticas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas. Do mesmo xeito, aprobouse a resolución de varios procedementos selectivos correspondentes á oferta de Emprego dos anos 2008 e 2015. Nomeáronse un técnico de administración xeral, un técnico superior en Ciencias Económicas e Empresariais, un enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, un técnico superior en Administración de Sistemas Informáticos na Rede e un arquitecto.

Exit mobile version