Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo preguntará en Pleno pola cesión da casa de Cunqueiro, o peche das piscinas municipais e a proposta de convenio do Consorcio Galego de Benestar

Ademais da moción que presentaba a semana pasada onde fai unha proposta de acordo para que se lle recoñeza a antigüidade ao persoal laboral que traballa no concello de Mondoñedo, con efectos económicos a partir do 1 de xaneiro de 2016, o Grupo Municipal do BNG rexistra tres preguntas máis para o Pleno ordinario que se celebrará o venres 25 de setembro ás 20.00 horas no salón de plenos do Concello.

Nunha das preguntas o Grupo Municipal interésase polos termos da cesión da casa Álvaro Cunqueiro situada na Praza da Catedral; mentres que noutra pregunta polo peche, antes de tempo, das piscinas municipais.

Nunha terceira pregunta, o BNG pregúntalle ao novo equipo de goberno do Partido Popular o seu parecer sobre a proposta de novo convenio enviada pola Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a xestión e financiamento da escola infantil, xa que as cláusulas do novo convenio proposto supoñen unha alteración das condicións establecidas no convenio anterior, asinado entre o consorcio e o concello de Mondoñedo en abril de 2008, e que supón un incremento notable na contribución que o concello tería que realizar en concepto de gastos de funcionamento do centro, gastos de posibles investimentos no inmoble e liquidación de obrigas derivadas do convenio anterior.

As sesións do Pleno das corporacións locais son públicas, así que o Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo convida a todos os veciños e veciñas do concello a asistir e que se enteren de primeira man do que alí se decide.

Exit mobile version