Santiago, 9 de setembro de 2015.- O Grupo Popular defende a utilidade das axudas á paralización definitiva da flota que inclúen tanto apoios aos armadores que se vén na necesidade de desfacerse da súa embarcación, como axudas socio-económicas para os tripulantes que cesan na súa actividade, “uns recursos económicos que non podemos permitirnos o luxo de perder”, indicou o portavoz de Mar, José Manuel Balseiro.
Desde o Grupo Popular lembran que o propio sector está a favor do mantemento destas axudas, tal e como o confirman múltiples pronunciamentos da patronal pesqueira Cepesca, “xa que permiten adaptar á flota ás posibilidades de pesca e á situación real dos recursos”.
RENDEMENTO MÁXIMO SOSTIBLE
“Europa impón unha serie de restricións para acadar o rendemento máximo sostible nos distintos caladoiros: non poden pretender que por unha banda se impoñan axustes á capacidade da flota e despois renunciemos a que Europa non financie eses despezamentos”, sinalou Balseiro.
Con estes argumentos, os populares rexeitaron unha proposición non de lei que, defendida polo BNG hoxe no Parlamento galego, mantiña a necesidade de eliminar estas axudas que aparecen recollidas con cargo ao novo Fondo Marítimo e Pesqueiro.
INCOHERENCIA DO BNG
Desde o Partido Popular non deixaron de cuestionar a actitude dos nacionalistas, “pois resulta moi curioso que o BNG critique agora os despezamentos cando a época na que máis busques pesqueiros se despezaron e prevían despezarse foi durante o bipartito, isto é cos nacionalistas e socialistas no goberno”.
Con todo, José Manuel Balseiro defendeu que “o prioritario na estratexia pesqueira non debe ser despezar, senón mellorar as cotas, tal e como está a facer o goberno galego e central (so nos catro últimos anos, co PP na mesa de negociación, aumentaron un 29,1%) e os sistemas de comercialización para dar máis valor aos produtos do mar, liñas nas que xa vén traballando a Xunta”.