Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular lembra que as cotas das principais especies obxectivo da flota do cerco subiron un 52% desde o ano 2009

Santiago, 29 de setembro de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou esta tarde que as cotas de pesca das principais especies obxectivo do cerco (xarda, xurelo e anchoa) aumentaron nun 52 por cento desde o 2009 e incluso soben tamén comparándoas co ano pasado, neste caso, nun 4,4 por cento.

“Sempre poderán ser maiores, e desde o Partido Popular seguiremos defendendo novas subas. Pero se hoxe as posibilidades de pesca son insuficientes, que cualificativo merecerían cando con PSOE e BNG no goberno eran notablemente inferiores?”, preguntouse Balseiro tras lembrar que “as forzas da actual oposición daquela estaban conformes e permanecían caladas ante a mala situación do sector”

En contraste, Balseiro relatou e puxo en valor as distintas medidas impulsadas pola Consellería do Mar a favor deste sector. En concreto, defendeu o traballo conxunto do Goberno galego coa flota do cerco no impulso de iniciativas de autoregulación e mellora da comercialización, dirixidas a procurar maior valor engadido para a súa actividade e a conseguir unha maior rendibilidade e mellor prezo nas capturas.

REPARTO PREXUDICIAL
O portavoz popular empregou os devanditos argumentos no transcurso do debate dunha moción do PSOE que reclamaba no Pleno un reparto para esta flota en base a criterios socioeconómicos, isto é, en función do número de tripulantes.

Balseiro dixo que aprobar a petición socialista “sería prexudicial para os intereses da flota do cerco” e retoulles a estudar caso por caso, e especie por especie, para comprobar que un reparto por tripulante sería moito máis negativo que o criterio que se emprega na actualidade e que inclúe en distinta ponderación capturas históricas e con outros criterios socioeconómicos.

Ademais, destacou o bo reparto do xurelo (especialmente en augas ao sur de Fisterra, nas que a flota galega dispón do 98 por cento da cota total) e o mellorable reparto na xarda, “pois as posibilidades reais de pesca víronse reducidas como consecuencia do pago dunha multa pola sobrepesca desta especie cometida en 2009 e 2010, isto é, con PSOE e BNG no goberno”.

O portavoz do Mar dixo que unha petición na que todas as forzas políticas galegas parecen coincidir é en reclamar o cumprimento do compromiso do Goberno central para dispor de posibilidades de pesca adicionais de anchoa cando esta especie pesqueira migratoria estea presente en augas galegas. E, nese sentido, convidou á oposición a votar favorablemente a unha iniciativa que os populares galegos defenderán con este obxectivo no pleno de mañá.

Exit mobile version