Site icon Crónica3.com A Mariña

O luns inicíanse as entrevistas para seleccionar aos beneficiarios dos 304 postos de traballo do Ben Empregado II

Lugo, 23 de setembro de 2015.- O deputado delegado de Emprego, José Antonio García, anunciou este mércores que o luns iniciarase o proceso de entrevistas para seleccionar aos traballadores que cubrirán os 304 postos de traballo que ofrecen as empresas e entidades beneficiarias do Ben Empregado II.

Este xoves publicarase na web da Deputación a listaxe coa data e horario de celebración de cada entrevista, identificada co código de cada perfil. Tamén se informará sobre os oito tribunais avaliadores, compostos cada un deles por dous funcionarios adscritos ao Servizo de Emprego. “Séguese a mesma distribución dos tribunais que a utilizada no Ben Emprego I e segundo indican as bases publicadas no boletín”, explicou José Antonio García.
O deputado de Emprego indica que a previsión é que o proceso de selección dure dez días, durante os que se entrevistarán ás 1357 persoas, cuxa solicitude se adecuou ás bases, e que buscan acceder a un dos 307 postos de traballo que demandan as 285 empresas e entidades beneficiarias do Ben Empregado II (das cales 245 son empresas e 40 son asociacións).

Do mesmo xeito, no que respecta á primeira edición deste programa de emprego tamén se cubrirán 11 perfís a raíz da renuncia de varias empresas. Recorrerase á lista de reserva de entidades publicadas para asignar traballadores a cada un destes postos de traballo.

Polo tanto, José Antonio García resaltou a “normalidade” que se está a dar neste proceso e incidiu no compromiso do Goberno provincial coa creación de emprego “aproveitando todos os recursos que ofrece a administración”.
Nesta liña de traballo, en breve, e atendendo ao procedemento establecido nas bases, a Deputación de Lugo abrirá de novo o proceso para darlle cobertura ás 53 empresas beneficiarias do Ben Empregado II, cuxos perfís quedaron desertos.

Exit mobile version