Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Ribadeo aproba por unanimidade que Fomento repare a Ponte dos Santos

Ribadeo, 25 de setembro de 2015.- O pleno aprobou por unanimidade unha proposta da Alcaldía para que sexa o Ministerio de Fomento o que se faga cargo do custe da iluminación da Ponte dos Santos, xa que esa estrada, a autovía A-8, é da súa titularidade. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que a conta xeral do exercicio de 2014 se pechou con remanente positivo de tesourería e que a débeda do Concello está no 26’75%, moi lonxe do límite ao que poden chegar as administracións locais e que se sitúa no 110%.

O rexedor dixo: “debemos destacar a aprobación da conta xeral do exercicio 2014, que é o resultado, a aprobación, do traballo que os técnicos e o interventor fan da evolución do exercicio económico anterior. Hai que presentala diante do Consello de Contas nun prazo determinado, que por certo estamos dentro de prazo. Esa conta xeral do exercicio do ano pasado destaca por seguir na senda destes últimos anos de rematar os exercicios económicos con remanentes de tesourería positivos. Sempre queda remanente positivo despois de ver o que se ingresa e o que se gasta, neste caso quedaron uns 945.000 euros acumulados que nos serven por exemplo para pagar facturas que entran a posteriori, non por culpa do Concello, senón porque algúns provedores, singularmente os da enerxía eléctrica, as meten en anos posteriores ao exercicio económico e iso ten que ir con cargo a algo. En lugar de ir con cargo a partidas que xa están destinadas para servizos sociais ou obras, facémolo con cargo a este remanente de tesourería”.

Suárez Barcia indicou que “ao mesmo tempo, a conta xeral di que a débeda do Concello está no 26,73% dos dereitos correntes liquidados e isto para ter unha idea dista moitísimo do límite ao que as administracións locais podemos chegar, que é 110%, e mesmo do outro parámetro do 75% para pedir autorización ao ministerio. Nos estamos no 26%, moi lonxe de todo isto. Ao mesmo tempo non dispuxemos para nada esta póliza de crédito que tiñamos subscrita hai uns meses, témola sen tocar. E o período medio de pagamento a provedores está por debaixo dos 30 días que marca a lei e aínda sen ser o mellor dos mundos posibles é moitísimo mellor a economía municipal do que era hai non hai moitos anos”.

No pleno ordinario celebrado este xoves quedaron fixados os festivos locais para 2016 “por unanimidade neste caso, e acordamos que o 8 de setembro, día da Patroa, e o 16 de agosto, día de San Roque, sexan os festivos locais”.

O alcalde contou que “tamén aprobamos por ampla maioría un expediente para un deslinde dun antigo camiño público no Chao de Ove, hai problemas de onde comeza o público e onde remata o privado e viceversa e a lei faculta para que os Concellos diante destas citacións poidan marcar un deslinde, para o cal todos os colindantes e veciños que queiran aportar todo canto medio de proba podan o fagan durante o prazo que se abra ao efecto, para que finalmente se poda marcar con precisión onde é público e onde é privado”.

E engadiu que “tamén foi unánime, e iso si que se valora positivamente, a proposta da Alcaldía sobre o alumeado na Ponte dos Santos, para que sexa o titular desa infraestrutura, nomeadamente o Ministerio de Fomento, quen se faga cargo do iluminación da Ponte dos Santos, que é da súa titularidade”.

Mocións
Tres foron as mocións a debate: unha do PSOE sobre violencia de xénero, que foi aprobada por unanimidade cunha emenda do BNG que foi aceptada, outra do PP tamén aprobada por unanimidade para que a Deputación de Lugo repare os viarios de titularidade provincial e outra do BNG de apoio ás persoas refuxiadas emigrantes de Europa, “singularmente ao martirio ao que está suxeito moita da xente de Siria”.

Fernando Suárez Barcia sinalou que “máis aló do rogos e preguntas que tiveron lugar tamén, e onde demos cumprida información e onde aceptamos rogos para mellorar, como sempre se pode mellorar todo nesta vida, o funcionamento do Concello. E nalgún caso, como no dunha proposta que o PP pretendía para debater unha moción sobre un posible novo campo de fútbol para que a Deputación asumira iso, decidimos, non soamente o goberno senón tamén o resto dos grupos da oposición, tamén o PSOE e tamén Ciudadanos, que iso non era urxente neste momento, que era máis ben un posicionamento político que un posicionamento efectivo. Neste Concello estamos afeitos a intentar facer as cousas con seriedade, podémonos equivocar, dende logo, pero sempre queremos facer as cousas con seriedade e o que máis nos preocupa a este goberno e entendemos que ao resto da Corporación tamén lle debería importar, é chegar a bo porto co que temos entre mans, que é a residencia, rematar a residencia, ver se a Xunta pon finalmente pon os 500.000 euros que comprometeu. E se finalmente non o fai así quizais debemos chamar de novo as portas da Deputación, para que nos axude a financiar o contido, porque despois do edifico, o continente, virá o contido, as mesas de noite, as camas, as alfombras, virá o contido que non está orzamentado. Ou ben o asume o Concello ou outra entidade, que neste caso ben podería ter a Deputación, a xulgar polo nulo interese que sigue tengo Ribadeo para a Xunta”.

O alcalde considera que “debemos ter claro o que temos entre mans e logo despois xa á Deputación no seu momento lle teremos que pedir, que espero que sexa unha petición unánime entre todos. O resto é ruído e enredar. Estamos no inicio dun mandato, que e como un maratón de 41 quilómetros. Estamos aínda no quilómetro 1 dun período longo de catro anos así que imos facer que este mandato vaia polo sentidiño e non pola arroutada política”.

Exit mobile version