Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno Extraordinario de Foz decide por unanimidade medidas para a Escola Municipal de Música

Foz, 4 de setembro de 2015. Este xoves celébrase o primeiro Pleno Extraordinario desta lexislatura no Concello de Foz.

A situación incerta e inestable da Escola Municipal de Música era o único punto do día.

Todos os grupos da oposición, que se reuniron para solicitar este Pleno, ven como satisfactorio o resultado obtido onte.

De dúas reunións, unha comisión informativa e unha xunta de portavoces, saía un preacordo para a mellora da situación de profesor@s e alumn@s da Escola que no Pleno todos os grupos votaron a favor.

As medidas que se van a tomar para este curso son as seguintes:

– Aumento de sete horas de clase á semana: 2 de clarinete, 3 de percusión e 2 de vento-metal.

– Creación dunha comisión de seguimento, que se reunirá de forma bimensual e na que se tratarán os aspectos que se deben mellorar na escola para próximos cursos. Estará formada por un concelleiro do PP, un concelleiro do PSOE, un concelleiro de FPF, unha concelleira do BNG, o director da escola, un membro da AMPA e estará presidida polo alcalde.

– Establecerase un prazo de pre-matrícula do 1 ao 15 de xullo e o prazo de matrícula será entre o 1 e o 15 de setembro. Deste xeito o curso poderá comezar entre o 1 e o 10 de outubro.

– Introduciranse dúas novas materias na oferta educativa: Música e movemento, destinada a nenos de 4 a 7 anos, e Prebanda. Para estas materias establecerase un número mínimo de 6 alumnos e un máximo de 15.

Exit mobile version