Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Lourenzá presentará unha batería de emendas para mellorar a participación cidadá

Lourenzá, a 16 de setembro do 2015.- A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Lourenzá, Emma Álvarez, cualifica a proposta socialista de Regulamento de Participación Cidadá de insuficiente e cosmética. Para a popular esta iniciativa é un lavado de cara que nin democratiza ao Concello nin ofrece maior participación.

Por este motivo, o grupo municipal traballa nunha batería de emendas que presentará no Pleno para mellorar a participación cidadá na vida municipal e fundamentalmente para manter e potenciar o papel asociativo que xa existe a a día de hoxe no Concello. Os populares cren que a proposta tal como está, lonxe de acadar máis participación para as asociacións do Concello o que ofrece é máis control sobre elas.

O grupo municipal do partido popular considera esta iniciativa como un instrumento útil, pero, sempre e cando potencie a transparencia da información e das decisións e abra unha canle á cidadanía para trasladar as súas opinións e propostas.

As modificacións do grupo municipal do partido popular, irán encamiñadas a dar máis participación á cidadanía nos plenos municipais e unha potenciación dos medios de comunicación social, para lograr que a cidadanía coñeza e participe na vida democrática do concello matizando a proposta presentada polos socialistas. Parécenos interesante a participación dos cidadáns na vida municipal, pero creemos que é necesario debater a maior parte dos artigos para chegar a un consenso que garanta o éxito da proposta.

No capítulo referido ás asociacións e á creación de comisións veciñais é no punto no que máis distamos da proposta inicial e propoñemos emendas encamiñadas a poñer fin á pretensión do goberno local na que busca exercer un control excesivo sobre o tecido asociativo do concello, xa que resulta excesivo que se esixan informes económicos e de actividades anualmente para poder seguir figurando no Rexistro do Concello e ter acceso a axudas municipais. Neste senso, o regulamento de participación parece un regulamento de imposición e mesmo con visos de inconstitucional.

No referente a creación de comisións veciñais, a nosa proposta vai encamiñada a fortalecer o papel asesor destas entidades e substituír o termo por concellos veciñais para facelo un órgano participativo. Amais non ten ningún sentido que estes órganos solapen as funcións das asociacións de veciños xa existentes que, os socialistas pasarían a un segundo plano. Dende este grupo municipal cremos que non é cuestión de crear chiringuitos paralelos, senón de darlle participación as asociacións existentes no concello e así o reflictirán as nosas emendas.

Exit mobile version