Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP viveirense presenta unha moción para o remate das pistas de atletismo en Lavandeiras

Viveiro, 19 de setembro de 2015.- O voceiro do Partido Popular de Viveiro, abaixo asinante, en nome propio e no do grupo municipal do PP, presenta ó Pleno, para o seu debate e aprobación se procede, a seguinte moción para o remate das pistas de atletismo en Lavandeiras – Celeiro

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
No ano 2004 o goberno bipartito PSOE- BNG presidido por Melchor Roel, anunciaba en diversos medios de comunicación – tal e como se pode comprobar por exemplo en A Mariña de a Voz de Galicia o 25 de abril de 2004 – a realización dunhas instalacións deportivas na explanada de Lavandeiras, que transformarían a entrada de Celeiro.

Falábase de facer un campo de fútbol, unha pista de aeromodelismo, dúas pistas de tenis, unha pista polideportiva e unha pista de atletismo de 100 m. de aglomerado asfáltico. Falábase dunha inversión global que superaría os 440.000 euros con cargo a distintas administracións – Ministerio de Administracións Públicas, Diputación e Concello -. Sinalábase así mesmo que todas estas obras se executarían nese ano 2004.

O certo é que 11 anos despois, daquel macroproxecto so se fixo o campo de fútbol de Lavandeiras, campo que na actualidade só sirve para a celebración do Resurrection Fest, o cal está moi ben, pero non se utiliza para o fin que foi creado que non é outro que a práctica do fútbol. Deste xeito o recén creado equipo de fútbol de Celeiro Club del Mar– esta será a súa segunda temporada – non pode xogar os seus partidos neste campo por non estar habilitado a ditos efectos, tendo que facelo lonxe de Celeiro.

No pasado pleno ordinario do dous de setembro, e ante unha moción presentada por outro grupo relativa a necesidade dunha instalación deportiva céntrica, o grupo do Partido Popular sinalabamos a necesidade de rematar as mencionadas instalacións de Lavandeiras, centrando a nosa petición no remate das pistas de atletismo.

Non hai moito tempo, concretamente o 24 de xullo deste ano, e neste mesmo salón de Plenos se lle rendía unha merecida homenaxe o noso atleta Adrián Ben, que viña de colleitar un gran éxito nos mundiais xuvenís de Colombia como colofón a unha traxectoria que empeza a ser xa moi destacada. Nese mesmo acto a Sra. Alcaldesa se comprometía a facer todo o posible para que Adrián dispuxese dunhas instalacións adecuadas para adestrar en condicións.

Por todo o comentado con anterioridade, dende o grupo do Partido Popular pensamos que é o momento de rematar as mencionadas pistas de atletismo, posto que non so temos un gran atleta que precisa dispor dunhas instalacións en condicións para seguir progresando, senón que seguro que hai moitas persoas que queren practicar o atletismo nunhas boas condicións de saúde e seguridade, dispoñendo dunhas instalacións adaptadas para a práctica desta modalidade deportiva.
Por este motivo propoño ó pleno da Corporación a aprobación dos seguintes ACORDOS:

ACORDOS
1 – Instar á Sra. Alcaldesa para que busque a financiación axeitada, en colaboración con outras administracións, para o remate das mencionadas pistas de atletismo en Lavandeiras, de xeito que sexan unha realidade o máis pronto posible.
2 – Informar ó Pleno das actuacións levadas a cabo, a medida que se vaian producindo.

Exit mobile version