Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE denuncia á xustiza que “o Goberno de Candia é contrario á Lei”

O Grupo Provincial Socialista presenta un recurso no Xulgado Contencioso Administrativo para denunciar que o Goberno de Candia é ilegal, pois os nomeamentos dos Vicepresidentes, Delegados de Área e membros da Xunta de Goberno fixéronse á marxe da Lei. Este é un caso sen precedentes na provincia, posto que se cuestiona a legalidade dos acordos adoptados polo Executivo irregular do PP na Deputación de Lugo, que poderían ser considerados nulos de pleno dereito, tal e como establece a lexislación vixente.

Así o avanzou o vicevoceiro do PSOE, Álvaro Santos Ramos, que subliñou que “Candia amosa que está totalmente incapacitada para presidir a Deputación de Lugo cando nin tan sequera foi quen de nomear un Goberno Provincial axustándose á Lei. Un goberno que non cumpre coa legalidade, como é o de Candia, non está lexitimado para gobernar aos cidadáns. Candia creou o Goberno da Catástrofe para a provincia de Lugo”.

O Real Decreto 2568/1986 do Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais; a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local; a Lei da Administración Local de Galicia, e o propio Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, establecen as seguintes obrigas legais, todas eles incumpridas por Candia:

– Os Vicepresidentes/as son nomeados polo Presidente/a entre os Deputados/as provinciais pertencentes á Xunta de Goberno Provincial. É obrigatoria a existencia de Vicepresidentes, posto que é un órgano necesario fixado pola ley, o que conleva que na Xunta de Goberno estén os Vicepresidentes, podendo entenderse que ata que os mesmos non formen parte da mesma, esta non estará constituída conforme ao dereito.

PRIMEIRA ILEGALIDADE: Candia non integrou na Xunta de Goberno nin ao Vicepresidente Primeiro, José Antonio García López, nin á Vicepresidenta Segunda, María de los Ángeles Teijeiro González. Polo tanto, a constitución da Xunta de Goberno é contraria á Lei e todos os acordos adoptados pola mesma poderían ser nulos de pleno dereito.

– O Presidente/a pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Xunta de Goberno Provincial, aquelas que supoñen delegación xenérica ou de área.

SEGUNDA ILEGALIDADE: Candia tamén levou a cabo delegacións xenéricas de área de goberno a favor de Deputados que non forman parte da Xunta de Goberno. Son os caso de José Antonio García López, Deputado da Área de Emprego e Demografía; e de María de los Ángeles Teijeiro González, Deputada da Área de Benestar, Igualdade e Xuventude. Isto supón que os nomeamentos dos dous Vicepresidentes tampouco se axustan á legalidade e os acordos adoptados polos mesmos tamén poderían ser nulos de pleno dereito.

Exit mobile version