Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esixe a Candia que cumpra coas decisións xudiciais e reclame a Balado 500.000 euros que adebeda aos lucenses

O Grupo Provincial Socialista esixe a Candia que cumpra coas decisións xudiciais e reclame ao “seu compañeiro de pupitre”, ao Deputado do PP e Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, 500.000 euros que adebeda aos lucenses. Así o ditou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentenza firme que obriga a Balado a devolver medio millón de euros de cartos públicos, é dicir, de todos os cidadáns, que lle adiantou o organismo provincial no 2011 para obras que non foi capaz de executar, aínda concederlle unha prórroga para facelas, prexudicando, deste xeito, aos veciños de Castro de Rei. A nefasta xestión de Balado foi tal que o TSXG o obriga a pagar tamén as custas xudiciais, estimadas noutros 1.000 euros.

A Deputada do PSOE, Pilar García Porto, salientou que “non entendemos porqué Candia non pide estes cartos a Balado. Ou ¿e que quere prevaricar ou ben levar a cabo algunha operación escurantista dende a Deputación co que dar diñeiro a Balado para compensalo e xustificalo ante os veciños de Castro de Rei, que teñen que sufrir un Alcalde que perde cartos para o seu Concello pola súa absoluta desidia, pois está máis preocupado dos seus asuntos persoais que polas necesidades municipais?. Estaremos pendentes das súas manobras caciquís” alertou a socialista á Presidenta. “Candia debería acatar esta firme sentenza e defender os intereses dos lucenses e non os do Partido Popular ou os individuais que poida ter Balado”, remarcou.

Cronoloxía dos feitos
No ano 2011, a Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración co Concello de Castro de Rei, polo cal o organismo provincial lle adiantaba cartos do seu Orzamento dese ano co obxectivo de realizar melloras nas traídas de augas das parroquias de Quintela, Bendia, Duarría, Loentia e Castro de Ribeiras de Lea. O prazo máximo de execución remataba en decembro de 2011.

Malia contar xa cos cartos nas arcas municipais, Balado solicitou unha prórroga, pois aínda tiña sen executar a maioría das obras, cando estaba a piques de rematar o prazo de execución. A Deputación concedeulle outros dous meses. O Alcalde non aproveitou este tempo. De feito, tal e como detalla literalmente a sentenza do TSXG, Balado non executou “un 72%, case as ¾ partes, do importe da subvención”.

Seguidamente, o Deputado do PP e Rexedor pediu unha segunda prórroga, cando a Deputación xa non contaba con marxe legal para darllo, pois xa deixara de estar en vigor o convenio de colaboración. Por este motivo, o organismo provincial tivo que solicitar a Balado a devolución dos cartos adiantados. Sen embargo, o Alcalde optou por presentar un recurso contencioso-administrativo contra esta obriga legal da Deputación.

Esta rematou cunha primeira sentenza do Xulgado do Contencioso nº2 de Lugo que considerada “inadmisible” o recurso e condenaba a Balado a devolver 360.000 euros, é dicir, unha parte dos cartos adiantados. O xulgado considerou que “non resulta en ningún modo admisible que o feito de que a parte que obtén a subvención sexa unha administración pública sexa motivo de dispensa de cumprir as normas de tramitación esixibles a calquera cidadán”.

Balado recorreu esta sentenza e presentou un recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que deu novamente a razón á Deputación de Lugo, obrigando ao Deputado e Alcalde do PP devolver o importe total adiantado (500.000 euros) e pagar as costas xudiciais (estimadas uns 1.000 euros).

Exit mobile version