Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esixe a Candia que “revise todos os seus actos contrario á Lei e arranxe a situación irregular do seu Goberno”

O PSOE esixe a Candia que revise todos os actos que levou a cabo ao marxe da Lei e arranxe de xeito urxente a situación irregular na que se atopa o seu Goberno. Así o reclamou este mércores o Grupo Provincial Socialista a través da petición dunha revisión de oficio que este mesmo mércores presentou no Rexistro da Deputación de Lugo.

O vicevoceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, subliñou que “tras o escándalo que dende o PSOE destapamos onte, é dicir, logo de confirmar que o Goberno da Catástrofe de Candia non se axusta á legalidade, posto que Candia non nomeou aos Vicepresidentes, Delegados de Área e membros da Xunta de Goberno segundo estable a lexislación vixente, demostrando que está totalmente incapacitada para ser Presidenta e, o que é máis grave, creando un Goberno irregular e poñendo en risco todos os acordos adoptados na Deputación dende a súa chegada á institución, posto que estes poderían ser declarados nulos de pleno dereito, tal e como dita a lei; o PSOE toma unha segunda medida”.

“A primeira foi un recurso contencioso que finalmente presentamos hoxe no xulgado logo de que, non Candia, senón o Vicepresidente no que ten delegada a súa sinatura, se decidise asinar a certificación que acredita a miña condición de Deputado Provincial, imprescindible para poder presentalo. Con este recurso a xustiza ditaminará os actos contrario á lei por parte de Candia na constitución do seu Goberno e as medidas que deberá levar a cabo para solventar esta situación irregular”.

“Para non ter que esperar a resolución da xustiza, tendo en conta que se dubida do dereito de importantes acordos como as resolucións do Ben Empregado, as Axudas ao Fogar ou a aceptación de 1,5 millóns de euros de remanentes da Unión Europea para a provincia, ademais da contratación de obras ou convenios con Concellos, levamos a cabo esta segunda medida, coa que solicitamos a Candia que revise todos os acordos que fixo ao marxe da legalidade e solvente de xeito urxente a situación irregular do seu Goberno”, explicou Santos Ramos.

Revisión de oficio
No escrito que o PSOE presentou hoxe no Rexistro da Deputación, os socialistas piden unha revisión de oficio a Candia para:

1. A nulidade das resolucións da Presidenta de data 1 e 8 de Xullo, polas que se nomean os Vicepresidentes, Deputados delegados e membros da Xunta de Goberno.
2. A nulidade do actos que ditados polos Vicepresidentes, polos Deputados Delegados non pertences a Xunta de Goberno, e os ditados pola propia Xunta de Goberno.
3. E, subsidiariamente, de non ser acollida a solicitude realizada no punto 2, a anulabilidade dos citados actos polo procedemento legalmente establecido.

Acordos de Candia contrarios á Lei
O Real Decreto 2568/1986 do Reglamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais; a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local; a Lei da Administración Local de Galicia, e o propio Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, establecen as seguintes obrigas legais, todas eles incumpridas por Candia:

– Os Vicepresidentes/as son nomeados polo Presidente/a entre os Deputados/as provinciais pertencentes á Xunta de Goberno Provincial. É obrigatoria a existencia de Vicepresidentes, posto que é un órgano necesario fixado pola ley, o que conleva que na Xunta de Goberno estén os Vicepresidentes, podendo entenderse que ata que os mesmos non formen parte da mesma, esta non estará constituída conforme ao dereito.

PRIMEIRA ILEGALIDADE: Candia non integrou na Xunta de Goberno nin ao Vicepresidente Primeiro, José Antonio García López, nin á Vicepresidenta Segunda, María de los Ángeles Teijeiro González. Polo tanto, a constitución da Xunta de Goberno é contraria á Lei e todos os acordos adoptados pola mesma poderían ser nulos de pleno dereito.

– O Presidente/a pode delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Xunta de Goberno Provincial, aquelas que supoñen delegación xenérica ou de área.

SEGUNDA ILEGALIDADE: Candia tamén levou a cabo delegacións xenéricas de área de goberno a favor de Deputados que non forman parte da Xunta de Goberno. Son os caso de José Antonio García López, Deputado da Área de Emprego e Demografía; e de María de los Ángeles Teijeiro González, Deputada da Área de Benestar, Igualdade e Xuventude. Isto supón que os nomeamentos dos dous Vicepresidentes tampouco se axustan á legalidade e os acordos adoptados polos mesmos tamén poderían ser nulos de pleno dereito.

Exit mobile version