Site icon Crónica3.com A Mariña

O regulamento do rexistro de parellas de feito e o servizo municipal do cemiterio abordaranse no pleno ordinario deste xoves en Burela

Burela, 22 de setembro de 2015.- No pleno ordinario que se celebrará o vindeiro xoves, 24 de setembro, ás 20 horas someterase a aprobación unha proposta de ditame para modificar o regulamento do rexistro de parellas de feito “e adaptalo á normativa de 2014, xa que a anterior era do ano 2007”, segundo explica o alcalde, Alfredo Llano.

Na orde do día figuran tamén a aprobación dunha proposición da alcaldía sobre adhesión ao novo convenio marco entre a administración do Estado e a Xunta para a implantación dun sistema de rede de oficinas integradas de atención ao cidadá no ámbito territorial de Galicia. Así como a adhesión ao convenio administrativo de colaboración entre a xefatura central de tráfico e Femp para intercambio de información e a mutua colaboración administrativa.

Na sesión tamén se someterá a aprobación inicial a ordenanza de uso e aproveitamento das praias de Burela, “co obxectivo de contar cun areal ao que os veciños de Burela poidan levar as súas mascotas, os seus cans”. O areal que se baralla é o de Penoural. Tamén se modificará a ordenanza de limpeza e protección ambiental do Concello burelés.

Outro dos puntos que figuran na orde do día do pleno ordinario desta semana é a proposta sobre a regularización do servizo básico municipal do cemiterio. Llano indicou que “o que queremos facer é recuperar a xestión íntegra do camposanto, queremos que sexa un servizo totalmente municipal”.

Curso
Por outra banda, o rexedor tamén confirmou que “onte, luns, comezou a impartirse en Burela o curso de atención sociosanitaria no que están a participar 15 alumn@s” e lembrou que “xurdiu a posibilidade de impartir dito curso e fixemos practicamente todos os trámites nun tempo récord”.

Exit mobile version