Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao participará na VIII Limpeza Simultánea de Ríos organizada por Adega, cunha acción no Río Masma, este domingo 27

Barreiros, 25 de setembro de 2015.- Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, organiza dentro do Proxecto Ríos a oitava limpeza simultánea de ríos. Esta iniciativa levada a cabo dende o 2008, convoca cada ano a voluntarias e voluntarios que saen a recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos ecosistemas fluviais, e preténdese contribuir a facer concienciación social coa necesidade de manter en bo estado os ríos e a importancia das pequenas accións do día a día.

O colectivo cultural Ollomao de Barreiros, que vén de celebrar a pasada fin de semana o festival Ao Son do Masma o cal ten na súa motivación a reivindicación da limpeza, recuperación e posta en valor do río Masma, súmase a esta iniciativa cunha acción de recollida de lixo nun tramo deste mesmo fluvial, entre os barrios de O Barral e Rexa. Coincidindo coa limpeza simultánea organizada por Adega, terá lugar o domingo 27 de setembro, entre as 17:30h. e 19:00h. Dende Ollomao convidan a tomar parte nesta acción a todas as persoas que o desexen, e para participar abonda con estar na Ponte do Barral de Celeiro de Mariñaos (Barreiros) o domingo ás 17:30h., non sendo preciso anotarse por adiantado.

Esta limpeza está pensada fundamentalmente para a recollida de lixo e contabilizar, de maneira simbólica, a cantidade que se acumula nas beiras dos fluviais galegos. O desbroce ou limpeza de maleza non está permitido nesta acción, polo que se prega que as persoas participantes non asistan provistas de fouciños ou outras ferramentas de corte, así como tampouco se permitirá a entrada no cauce do río. Dende Ollomao informan que a asociación non se fará cargo de posibles irresponsabilidades cometidas polas persoas participantes na non aceptación das normas de limpeza desta iniciativa. Asimesmo, aconséllase levar roupa e calzado axeitado, así como consultar o protocolo de limpeza dispoñible na seguinte ligazón http://proxectorios.org/limpeza/wp-content/uploads/2011/09/protocolo-de-actuacion_limpeza-simultanea-rios_2013.pdf, para coñecer o procedemento a seguir durante esta acción.

Para calquera información, as persoas interesadas poden contactar co colectivo cultural Ollomao no correo-e colectivo.cultural.ollomao@gmail.com, ou no teléfono 650542932.

Exit mobile version