Mondoñedo, 03 de xullo de 2015.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o edil de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García Fernández, lembran que a Escola de Música está a organizar a segunda edición deste certame de canto, baixo o nome de Mamá, quero cantar!.
O concurso, que coordina Xulia Nogueira, atópase na súa fase final, tras ter recibido ao longo do certame clases de técnica vocal, técnicas de gravación en estudo, relaxación para músicos, posta en escena e técnicas de superación de medo escénico, nas instalacións da Escola de Música.
Durante esta semana os concursantes ensaiarán un tema común proposto pola organización e outro que escollerán de entre unha selección de temas suxerida polo xurado, e que interpretarán no concerto final, que se celebrará o día 4 de setembro de 2015 no Auditorio Pascual Veiga, ás 20.30 horas.
Haberá unha votación do público na que se escollerán as tres mellores interpretacións, aínda que todos os participantes se levarán un diploma e un agasallo.