Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares denuncian que o Concello de Lourenzá mantén asiduamente pechado o punto limpo no seu horario habitual

Lourenzá, 24 de setembro do 2015.- O Grupo Municipal Popular en Lourenzá, denunciou no pasado pleno que o Concello mantén asiduamente pechado o punto limpo municipal no seu horario habitual que é de 10.00 a 14.00 horas os luns, mércores e venres.

Aos prexuízos que esta situación provoca aos veciños que queren facer uso deste servizo, para depositar nel entullos, mobiliario e outros produtos obxecto de reciclaxe ou tratamento especial, hai que engadir o risco de que, de coincidir o devandito peche cunha inspección, o Concello pode ser sancionado.

Para os populares o feito denunciado dá de novo testemuña do descoñecemento que, respecto do funcionamento do concello, mantén o novo equipo de goberno local, e o que é máis grave aínda, constitúe todo un recorte dos servizos municipais que o concello viña ofrecendo aos veciños

Desde o PP lamentan que cando se interesaron por esta cuestión a resposta da alcaldesa sexa a de atribuír o peche a un “apuro de persoal” e sinala a incapacidade da rexedora e do equipo municipal socialista por ofrecer unha solución construtiva que non pase polo peche deste servizo.

Os populares fanse eco deste xeito de varias denuncias efectuadas, dun xeito recorrente, por varios veciños que acudiron ao punto limpo durante o horario de funcionamento e atopáronse coas instalacións pechadas. Din que a alcaldesa debe poñerse a traballar e a solucionar problemas que para isto a pagan, ademais de ser o seu deber.

Exit mobile version